Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Lugopatrimonio alerta sobre o deterioro da vella igrexa de Vilasouto

f.albo monforte / la voz

LUGO

26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

LugoPatrimonio dirixiuse por escrito ao Concello do Incio, ao bispado lucense, á Deputación e á Xunta para pedir a rehabilitación da antiga igrexa de San Mamede de Vilasouto, que na súa opinión «está a piques de derrubarse». O colectivo chama a atención sobre o valor histórico do edificio, que conserva elementos arquitectónicos medievais e barrocos, afirmando que comeza a presentar un estado de deterioro que pode ser irreversible se non se toman medidas para remediar a situación.

Os responsables de patrimonio histórico do bispado aseguran ser conscientes do pésimo estado de conservación do monumento, pero puntualizan que antes de tomar iniciativas para a súa rehabilitación sería necesario buscarlle un novo uso. «Restaurar a igrexa suporá un investimento importante e se o edificio continúa abandonado como ata agora as obras non servirían de nada porque en poucos anos volvería encontrarse no mesmo estado», sinalan a este respecto.

Desde o obispo apuntan como posible saída a transformación da vella igrexa nun centro de interpretación do patrimonio histórico e natural da zona ou ben nun local social. «O que importa é darlle algunha utilidade compatible co carácter do edificio, como o sería un uso cultural ou social», sinalan. «Se o Concello do Incio ou os veciños da parroquia presentan algún proxecto deste tipo, poderíase estudar a posibilidade de establecer un convenio para aproveitar o edificio ou cedelo por un número determinado de anos», engaden. En caso de que se chegue a un acordo, sinalan, sería necesario buscar financiamento para as obras de rehabilitación.