OBarbanza está a empezar a mostrarse como un serio competidor en cantidade e calidade fronte ás bisbarras pontevedresas tradicionalmente consideradas como referentes indiscutibles do patrimonio rupestre galaico. Un feito que se debe sobre todo á meritoria actividade de investigadores como Juan e Jorge Guitián ou Manuel Mariño.
Este novo conxunto de petroglifos vén, pois, a sumarse a unha xa nutrida nómina de achados recentes e a encher un oco iconográfico ata agora ocupado en solitario polo moi pouco coñecido conxunto de Chan de Reis en Boiro: as figuras de pegadas de pés humanos calzados. Estamos ante un motivo relativamente pouco habitual nos nosos gravados rupestres. E que para colmo mostra unha certa propensión a «ir por libre»; é dicir, a non se mesturar coa temática máis frecuente e característica. Un pouco como sucede cos deseños de armas. Pero, aínda que non tanto como no caso destas últimas, tamén son coñecidas algunhas pegadas humanas compartindo panel cos deseños máis típicos do fenómeno rupestre galaico, tanto coas combinacións de círculos concéntricos como con algún cuadrúpedo.
Este é un detalle do máximo interese porque vén a indicar, coa prudencia que se precisa cando tocamos o espiñento tema das manifestacións rupestres, que en principio e mentres non aparezan indicios incontestables noutra dirección, o máis asisado é pensar que a data de -todas ou boa parte- das figuras de pegadas humanas debe ser idéntica á que se baralla para o esplendor do ciclo rupestre galaico: os inicios da Idade do Bronce falando en termos xerais. E, en consecuencia, para tratar de entrever o seu simbolismo habería que ter ben presente o que se coñece verbo dos modelos socioeconómicos de hai catro mil anos sen desligalo, no fundamental, do que se atribúe á xeneralidade do ciclo; e, por suposto, sen obviar detalles como os tamaños das imaxes, a súa disposición sobre o panel, o feito significativo de que sexan concentracións e non figuras illadas, os tipos de soportes, etcétera.