O colectivo espera repetir o éxito na festa gastronómica deste sábado
29 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Algo máis dun ano leva no cargo de vicepresidenta da Asociación Saíñas de Xove Cristina Iglesias Guerreiro (Xove, 1982), que tamén é concelleira de Turismo e Deportes. Saíñas organiza a VII Festa do Lacón para este sábado, día 3, a partir das oito da tarde no pabellón municipal, unha «boa e moi barata opción para cenar ese día, e degustar un menú tan típico noso, e tan típico das datas», explica Iglesias Guerreiro no comunidado de presentación da cita.
-Imaxino que dá traballo unha asociación coma esta. ¿Cantos socios teñen actualmente?
-A verdade é que si, da traballo. Intentamos facer bastantes actividades e saídas con grupos. Debemos ter entre 60 e 70.
-Ás novas xeracións, ¿gústalles o folclore tradicional?
-A verdade é que este ano empezaron bastantes pequerrechos, tanto en baile como en pandereta. Si, hai canteira. En gaita tamén empezou un grupo, máis maiorciño.
-Onte publicabamos que Fervenza de Sargadelos tamén celebrará este sábado a Festa da Fabada en Cervo. O gastronómico é do que máis ten tirón, ¿non?, para calquera asociación.
-Xa o ano pasado coincidiramos con eles nestas datas. A idea desta festa xa xurdiu da antigua directiva. Utilizámola para recaudar cartos.
-Senón non sobreviven.
-Efectivamente. Pero tralo éxito do ano pasado, decidimos neste repetir.
-En Xove xa hai a Festa do Polbo da Pedra, «competidora» coa vosa. Vostedes elixiron carne.
-Realmente saiumos a competencia a nós. Creo que a nosa festa naceu antes que a Festa do Polbo da Pedra.
-A cita deste sábado incluirá o sorteo de produtos, ¿cales?.
-Si. Hai tendas que nos dan prendas de vestir e cheques para gastar nos comercios. No sorteo participan Catycris, Caroa Moda e Aciam.
-Tamén dan a opción de comprar o ticket por anticipado e aforrar medio euro na ración.
-Fixemos iso para levar unha aproximación das racións a vender. O ano pasado foran 350, de feito foi algo fora do normal porque nos quedamos en mínimos. O ano pasado case nos quedamos sen lacón, de feito os da organización nos quedamos sen cear. Este ano non queremos que nos volva a pasar.
O ticket pode adquirirse antes en Click Informática, O Refugio e Estética Marta.
«Hai tendas que nos dan prendas de vestir e cheques para comercios»