O escritor e mestre Emilio José Insua (Viveiro, 1967) andaba en busca de documentación para «reconstruír e ampliar» a biografía de Alfredo García Dóriga (Viveiro 1849-1911) e, coincidindo co centenario do seu pasamento, publicar un libro sobre o poeta. Ata que, «nas voltas e reviravoltas da investigación», acabou dando cunha descendente do autor e atopou unha obra inédita. A Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro edita o poemario Lex Dei, que se presenta hoxe, ás 19.00 horas, no salón multiusos do concello, dentro do programa Adral. Intervirán Insua, que prologa a publicación, e Antonio Rodríguez Basanta, vicario xeral da Diócese Mondoñedo-Ferrol.
-¿De onde saíu este poemario?
-Hai ano e medio púxenme a investigar pola miña conta a figura de García Dóriga, rebuscando en arquivos, bibliotecas..., para intentar reconstruír a súa biografía e ampliar a información de Donapétry e Chao Espina. E acabei dando cunha tataraneta, Silvia, e mirando carpetas vellas pola casa descubrimos uns manuscritos; entre eses papeis estaba este libro. Algunhas poesías xa as publicara en Fuego del alma, pero a maioría eran inéditas. Ao ver o mérito e o interese que tiñan contactei coa Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro, porque é un libro de temática relixiosa, e mostráronse entusiasmados. Estou moi agradecido pola resposta unánime dos seus integrantes.
-Trátase de poesía relixiosa...
-É unha especie de versión poética dos principais personaxes e historias da Biblia, do Antigo e do Novo Testamento, a partes iguais. O que fai é escoller entre as miles de historias que conta a Biblia as que ve máis interesantes ou educativas, dende a perspectiva relixiosa, e fai unha versificación, dándolle unha variedade formal (poemas longos e breves), co afán de resumir e facer algo ameno. Ese é o mérito, que acada un punto de equilibrio, unha obra de lectura moi fácil e amena.
-¿Que conta no prólogo?
-A vida e a traxectoria de García Dóriga, o contexto do libro, a intención coa que o escribiu e tamén unha análise formal.