Lembra a viaxe en 1959, que lle serviu para atopar a súa identidade
24 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.John Rutherford, hispanista estreitamente vinculado a Ribadeo, onde a súa familia ten unha casa (en Os Galos) e artífice da creación das xornadas culturais Mar por Medio, foi nomeado onte Doutor Honoris Causa pola Universidade de A Coruña (ofrécese máis información na sección de Cultura). No seu discurso, Rutherford tivo verbas para Ribadeo, e da súa decisiva primeira visita aló polo 1959, que se serviu -dixo- para atopar a súa propia identidade.
-¿Que supón para vostede este nomeamento?
-É unha inmensa felicidade, porque é un enorme honor que me dean unha distinción tan importante. Nunca pensei que puidese chegar a iso e cando mo dixeron foi unha sorpresa moi agradable e moi grande.
-Algo terá que ver Ribadeo.
-Moito, porque a primeira vez que vin, e xa fai máis de medio século, foi decisivo na miña vida; cambioume radicalmente para mellor. Cambiei con aquela primeira visita a Ribadeo, confirmada con outras visitas en anos posteriores, porque adquirín un entusiasmo polos estudos hispánicos que non tivera antes. Se estou no mundo académico é grazas a aquela visita de Ribadeo.
-Sigue vindo moito por Ribadeo?
-Sempre que podo, case sempre dúas veces ao ano, dende que me xubilei vou en primavera e en outono.
-Agora, xubilado, a que se dedica?
-A estudar e a seguir escribindo. Cando volva a Inglaterra vou publicar o meu último libro sobre a historia do sorriso, O poder do sorriso. Tamén fixen moita tradución. Un amigo me dixo que xubilación era xúbilo máis acción, e no meu caso é certo. Sigo moi activo, con moitísima alegría.
-E segue escribindo en galego?
-Si. De momento vou escribir outro libro en inglés, porque fai falta unha guía básica métrica española, pero escribo en galego continuamente, por exemplo, sen ir máis lonxe, o discurso da cerimonia na Universidade de A Coruña.
-Ten previsto publicar algo en Galicia?
-Estou intentando escribir unha segunda novela. A primeira, As flechas de ouro, escribina en galego e tivo comentarios moi bondadosos de xente que ten unha opinión que respecto moito. Parece que vale a pena escribir outra segunda novela, e dende logo que vai ser en galego.
john rutherford hispanista, doutor honoris causa pola universidade de a coruña