O vídeo de cinco alumnos do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo reivindicando a fala de Ribadeo leva xa case 8.000 visitas en catro días
08 nov 2014 . Actualizado a las 14:34 h.No vídeo Ghalegho, unha rapaza de Rianxo na súa defensa das variantes do galego fai unha alusión a Ribadeo. Lembra que de cativa, en unha excursión a Ribadeo, ríranse dela e dos seus compañeiros pola súa forma de falar. Dende o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros non quixeron deixar pasar por alto esta alusión e cinco estudantes fixeron un vídeo, Eu digo, un traballo solidario cos de Rianxo que foi coordinado polo profesor Suso López Acevedo.
En Eu digo, dúas rapazas ribadenses din: «Non sei quen se burlaría do seseo e da geada. Algún inculto haiche en todos lados. Pero dende logo que nós non o fariamos, porque defendemos as variantes de cada lugar».
E a continuación compañeiros, engaden: «Eu digo camiois e pantalois». «E ladrois e cabrois... que tamén hai en todos os lados». «Eu digo camín e padrín». «Eu digo folgueira e mazaeira». «E eu dou chuchos». «E aquí facemos a matanza do cocho, e non do porco, e dicimos pícaros, brosa e sapagueira». «Nós falamos así e seguro que en Vila de Cruces ou Moaña din doutro xeito, pero todo é galego». «Estamos orgullosos do galego», rematan dicindo xuntos.
De momento o traballo do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo non chega a ter a repercusión de Ghalegho, xa con máis de 130.000 visualizacións, pero dende que se colgou na rede, o pasado día 4, xa suma case 7.500, o que sen dúbida supón todo un éxito. «Colgámolo na rede o martes e está tendo bastante seguimento por parte dos internautas. No primeiro día tivo máis de 3.000 visitas e agora pasa de 7.000», comenta Suso Fernández Acevedo.