Historia de «Alalá das curuxeiras», obra inédita de Cunqueiro

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Estaba nunha carpeta de obras a revisar da Falanxe de Mondoñedo

25 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cidre Fernández, investigador de Mondoñedo, falou en RadioVoz A Mariña, nunha longa entrevista con Félix Jorquera, do seu descubrimento de unha obra inédita de Álvaro Cunqueiro, Alalá das curuxeiras, e contou como ocorreu: «Eu sabía que había unha biblioteca bastante boa en unha casa determinada, que se estaba vendendo. Funa a ver, gustoume; negociei cos donos, pero a min non ma querían vender. Entón busquei un intermediario para conseguir algunhas cousas bastante boas, que ao intermediario si llas venderon a un prezo máis barato do que eu ofrecía».

«En unha das carpetas víanse unhas folliñas, seis, de unha letra moi familiar para min, de Álvaro Cunqueiro. E cal foi a miña sorpresa cando vin que poñían Alalá das curuxeiras, unha obra de teatro que non era coñecida por naide», engade.

¿De Cunqueiro sen dúbida? «Teño máis escritos del. Compraramos letra a letra, e é a letra dun Álvaro Cunqueiro noviño, con trinta anos mais ou menos», explica Cidre Fernández.

Respecto por que quedou inédita, o investigador mindoniense ten varias teorías: «Cunqueiro era nun primeiro momento, por algúns documentos que teño, digamos que era un nacionalista. Logo revirou, pero nos primeiros momentos igual lle revisaron as cartas ou os sitios onde escribía, e ¿lla confiscarían? Quizais tamén o fixo para unha representación; era para representar no atrio da igrexa dos Remedios, e lla deu el».

No que non ten dúbidas é da data: 1930-1931. «Esta obra estaba nun arquivo da Falanxe de Mondoñedo. Dentro de unha carpeta que poñía obras de teatro a analizar Falanxe de Mondoñedo. Dentro había máis obras de outros autores».

Unha vez descuberta a obra, e confirmado que é de Cunqueiro: ¿agora que? Cidre Fernández sinala: «Na actitude de algún hasta o 2060 non se poderá ver... ese é o problema». O motivo son os dereitos de autor: «Nas condicións que a min me presionaron... pois. Eu teño a obra e a podo ensinar en persoa, pero cando pediron 400 euros a uns pícaros por representala... pois non quero imaxinar o que pedirían por poñela en papel».

Así as cousas, Alalá das curuxeiras está no despacho de Cidre Fernández, unha obra, un romanceiro, que -explica- ten seis persoeiros (a infantiña, o romeiro, a moza que perdeu a cinta do pelo, o vello, o mozo que atopou a cinta e a vella que di o romance», que inclúe a música que Cunqueiro pedía, coas letras incluídas, e na que tamén se especifica onde ten que se representada: o atrio da igrexa dos Remedios.

«Di Cunqueiro que é unha estampa de costumes que había en Mondoñedo naquela época», sinala Cidre Fernández, quen engade: «Algunha chamada tiven (para publicala ou representala), pero como houbo coaccións polo medio... ameazas telefónicas, unhas chamadas telefónicas que a min no me gustaron, porque non estou nesto para gañar cartos. Os cartos son o problema da cultura hoxe en día... solo queren cartos. Eu tiven a sorte de encontrar esta obra, ou a traballei para encontrala, porque foron dúas furgonetas de papeis e moitas horas de traballo ordenando todo». E conclúe: «Quen vendeu o marial non sabía o que vendía. Venderon o lote completo, igual ata o revisaron, pero non sabían o que había».

cidre fernández