
O naronés préstase a continuar no club tras o descenso se así o quere a directiva
01 may 2017 . Actualizado a las 22:19 h.Tras case unha década defendendo ao Pescados Rubén-Burela, os ánimos do capitán Edu (Narón, 1979) non decaen polo empate ante o Levante (4-4) que custou o descenso. En contra da rumoroloxía, o porteiro non pensa na retirada, e ofrécese a intentar devolver ao club a Primeira se a directiva conta con el.
-Deulle tempo a reflexionar sobre todo o ocorrido?
-Son momentos duros, que hai que ir asimilando pouco a pouco. Hai moi pouco tempo aínda que descendimos e está claro que aínda doe, moito.
-Vostede xa vivira esta experiencia no Celta. Axuda iso a levalo con máis enteireza?
-Creo que non. Ao final son situacións totalmente diferentes. En Vigo estiven pouco tempo, e aquí levo moitos anos. As sensacións son diferentes porque eu síntome implicado aquí, no pobo, síntome querido... E tamén doido polo que pasou.
-Antes de comezar a campaña, case todo o mundo daba ao equipo por consolidado en Primeira. Tamén o vestiario?
-Eu creo que ninguén pensaba que puidésemos chegar a isto. O equipo era case idéntico ao do ano pasado, cando fixemos unha gran tempada, e agora por que non íamos poder repetir? Pero houbo moitas circunstancias que influiron na nosa traxectoria. Todas aquelas derrotas consecutivas que nos fixeron meternos abaixo xeraron presión, e así é moito máis complicado xogar partidos.
-Tamén os perseguiron as lesións, a súa por exemplo.
-Cando fas un ano así, non valen as excusas. Houbo lesións que inflluiron no rendemento do equipo, pero o que pasou é culpa nosa. Houbo moitos partidos que o ano pasado sacábamos adiante e agora non fomos capaces. As lesións perxudicáronnos, está claro, pero non podemos esconder que non estivemos á altura.
-Aínda así, tiveron a permanencia na man grazas ao favor de Santiago.
-Tíñamos moi claro que o principal e primordial era sacar adiante o noso partido, e despoius xa veríamos os resultados dos demais. E non o conseguimos. O partido, na primeira parte, puxósenos de cara, pero despois non estivemos ben defensivamente, e na segunda metade puxémolo todo na pista, pero pesounos a falta de gol que arrastramos todo o ano.
-Un acórdase agora dos puntos de Jumilla, por exemplo.
-Non só foi aquel día, pénsalo e foi a tempada enteira. E ao final se o venres gañásemos estaríamos salvados. Ao final isto non é consecuencia dun ou outro partido, senón dunha mala tempada.
-Que mensaxe lle pode mandar agora á afección?
-O único que poido facer é darlles as grazas polo apoio dos últimos partidos e dicirlles que este club é moi grande e volverá estar arriba porque A Mariña merece un equipo en Primeira División, e todos imos poñer o máximo para devolver ao Burela a onde se merece.
-Tócalles cambiar o chip e pensar na final da Copa Xunta, ante Santiago. Está o vestiario capacitado para afrontalo despois deste pau?
-O pau foi criminal, pero houbo tempo para que a cabeza se fose recuperando, e hai que pensar en gañar a Copa Xunta porque este club merece tela por fin nas súas vitrinas.
-Moitos se preguntan se este será o último partido de Edu.
-Eu teño ganas de seguir xogando ao fútbol sala e teño ganas de seguir en Burela para devolver ao club a Primeira División. Se o club quere que siga, eu estarei aquí a morte. Non penso retirarme sen devolver o Burela a Primeira.
-O de quedarse para arranxar isto é o pensamento xeral do vestiario?
-Está claro que nós somos os culpables, e eu persoalmente si quero quedarme para volver a subir, pero só poido falar por min, non sei que pensan os demais.
«É moi diferente a cando baixei co Celta, en Burela levo moitos anos (...) Síntome querido»
«Non pensábamos en chegar a esta situación, o equipo era case idéntico ao do ano pasado»