Un novo premio desde San Sebastián para o Modelo Burela

S. C.

BURELA

CEDIDA

O proxecto Hitzargiak recoñece a acción educativa que se segue no instituto Perdouro en favor da lingua galega

09 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A intervención educativa «Modelo Burela» do IES Perdouro de Burela acaba de recibir un novo recoñecemento, desta vez con carácter internacional. A Fundación Donostia / San Sebastián Capital Europea da Cultura 2016, que ten como obxectivo a creación dun novo modelo de convivencia nas relacións entre cidadáns, propúxose superar unha serie de retos e investigar novos modos de convivencia e de relación, e seleccionou a experiencia de Burela como modelo de boas prácticas.

O proxecto Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente) é un proxecto que favorece a diversidade lingüística europea e que creará novas relacións entre as comunidades de idiomas e de falantes que están xa inmersos en procesos de revitalización. 

   O eixo do proxecto fórmano as experiencias que utilizaron as comunidades de falantes, unhas experiencias «innovadoras, adecuadas, exitosas ou exemplares, tanto para a comunidade que os creou como para moitas outras comunidades lingüísticas», segundo as palabras da propia organización. 

  A Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura considera que o coñecemento público das boas prácticas poderá ter efectos multiplicadores. «Compartir experiencias, aprender dos demais, alimentarse mutuamente e colaborar nas iniciativas pode reforzar o éxito e, ademais fortalecerá o movemento internacional», aseguran ao conceder o premio.