«Non se ascendeu, pero podemos ter a cabeza moi alta»

La Voz

LOURENZÁ

O adestrador do Durán Maquinaria Lourenzá lamenta as baixas de Marly Varela e Marta García na fase que vén de disputarse en Guipúzcoa

19 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Durán Maquinaria Lourenzá volveu a quedarse ás portas da Liga Feminina-2. Segundo o seu adestrador, o focense Juan Nécega, no novo intento non lle traizoaron os nervios nin a presión ou o cansazo. O maior obstáculo que atoparon na fase disputada en Azpeitia (Guipúzcoa) foron as baixas de Marly Varela, que se mancou no arranque do primeiro partido, e de Marta García, quen non puido viaxar por razóns persoais. «Coa plantilla ao completo seguro que teriamos moitas máis opcións», di o estratega mariñano.

-Decepcionado, frustrado, orgulloso... ¿Como se sente?

-Intento ordear a mestura de sensacións que me deixou a tempada. Síntome satisfeito e tamén orgulloso do papel que fixemos na liga regular, na que fomos campionas, pero á vez frustrado pola imposibilidade de render ao noso mellor nivel na fase de ascenso.

-¿E que pesa máis? ¿A ledicia ou a frustración?

-Non se ascendeu, pero podemos ter a cabeza moi alta. Esta é a lectura que debemos facer destes meses de competición.

-Desta vez tiñan mellores armas para a loita polo ascenso.

-É certo. Esta plantilla era máis competitiva e tiña máis calidade que a do ano pasado, estaba moi preparada e chegaba coa ilusión polas nubes. Foi unha mágoa a lesión de Marly e a baixa de Marta García, dúas xogadoras que viñan aportando moitísimo.

-¿Notaron a inactividade? Chegaron á fase despois de case un mes sen competir...

-Non creo que iso fose un problema. Nese tempo puidemos adestrar con todo o equipo e tamén xogamos un amistoso.

-¿Que nota merece Juan Nécega polo traballo feito esta tempada?

-Ao mellor puiden colaborar moito máis nesta fase... non sei, ou ao mellor non. Tratei de dar sempre o máximo e seguro que nalgunhas decisións acertei e noutras me equivoquei.

-¿E a nota para o equipo?

-Unha cualificación moi alta porque se esforzou moito durante todo o ano. Tivo ambición, compromiso, gañas..., e medrou unha barbaridade. Ademais, os resultados na liga regular foron moi bos.

-¿A que xogadora do Lourenzá elixiría como candidata para o MVP de Primeira Nacional?

-A Tamara Montero, pola súa calidade, ou a Rocío Varela, pola súa regularidade.

-¿Con que outras xogadoras competirían polo trofeo?

-Nesta categoría hai moitas xogadoras moi boas.

-¿Volverán intentalo?

-Esperemos que si.

-¿E con Nécega ao timón?

-Teño gañas de seguir, e máis despois deste novo intento por subir no que volvemos a quedarnos ca mel nos beizos.