Algúns gurús prognosticaron que coa crise do ladrillo o resorte que podería salvar o sector sería o da rehabilitación. Do que talvez non se decataron e de que a crise ía ser tan profunda que tamén afectaría á reforma dos vellos inmobles.
Xa non hai dúbida de que a rehabilitación é a arquitectura máis sustentable. Porque non ocupa máis solo, deixando espazo para outros usos e actividades económicas, en xeral non precisa de novas infraestruturas e dotacións públicas, ten menos custes económicos e enerxéticos que a obra nova e, aplicando os coñecementos e as técnicas axeitadas, pode aforrar moito consumo de enerxía no futuro.
O que parece claro é que é necesario tomar medidas urxentes para salvar un sector que agoniza e que está a inflar as listas do paro ata cifras insoportables. Toca encarar novos retos, máxime cando o acceso á vivenda está a ser un problema socioeconómico de insospeitada magnitude.
Agora ben, e aínda que isto pareza un anatema nos tempos que corren, cómpre desenvolver algunhas reformas na política fiscal, dende os impostos de sucesións, os custes e taxas nos permisos e licenzas, ata a redución do IVE nas obras de reforma e acondicionamento (incluídos os locais comerciais). Isto último incluso axudaría a reducir a economía mergullada que aflora no sector como setas no outono.
Comprendo que esta sería unha aposta moi arriscada nun momento no que as arcas públicas están ao borde do rescate, pero cómpre unha profunda diagnose, e quizais algunhas reducións fiscais non fosen tan gravosas como agora se pensa.
Por outra banda, os novos plans de vivenda deberanse adaptar á nova e difícil realidade cunha reconsideración nos seus obxectivos, nas contías das axudas (quizais menos obras con maiores subvencións, por exemplo), na axilización e simplificación no desenvolvemento das políticas deseñadas, etc.
Xa sei que todo isto non é tan sinxelo e habería moitas cousas que limar e debater que non caben nesta columna, pero aínda hai tempo para inverter a tendencia e salvar un proceso que dou moi bos froitos nos anos pasados.