A Mesa dirixirase ao Concello de Vilagarcía

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

16 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, anunciou onte que se poñerá en contacto cos responsables municipais de Vilagarcía para tratar de que un episodio coma este non se repita. Cabe lembrar, neste punto, que a concellería de Cultura colabora coa banda de música na organización dos concertos de fin de ano.

Callón considera que a tradución de Os heroes do Orzán ao castelán «non ten sentido ningún» e non se explica o ocorrido agás pola pervivenza de toda unha serie de «prexuízos» que non se sosteñen cara a lingua galega. Para exemplificar a súa opinión, recorre á ópera: «Calquera podemos asistir a unha representación en italiano ou alemán, pero nunca se nos ocorrería pedir que traducisen as obras, senón que respectaremos o idioma orixinal e gozaremos del».

Este episodio lémbralle ao voceiro da Mesa a polémica suscitada arredor do Centro Dramático Galego cando hai dez anos quixo poñer en escena Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, en castelán. «É unha mágoa -conclúe- que unha obra así teña este problema por unha mala decisión do director».

Normalización descoñecíao

Un dos factores subliñables do acontecido coa composición de Antón Alcalde reside no feito de que o Concello de Vilagarcía dispoña dun servizo de normalización lingüística que, por definición, debería abordar cuestións como a tradución que puxo en marcha o director da banda. Porén, os responsables do departamento confirman que ninguén lles consultou nada ao respecto aínda que, como técnicos municipais, a súa opinión tería que ser como mínimo sondeada. De ser así, razoa o titular do servizo, o seu parecer sería contrario ao pase ao castelán.