Mónica Touriño, primeira deportista con tres Copas de España de Canicrós

vilagarcía / la voz

AROUSA

A de Catoira pecha o calendario no máis alto, co vilanovés Fernando Pérez subcampión e bronce estatal

17 feb 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

O catoirense Monica Touriño Ferreirós, con Caramelo como compañeiro, proclamouse o pasado domingo en Vallgorguina, Barcelona, tricampioa da Copa de España de Canicrós na categoría Absoluta Feminina. Un éxito que a converte no primeiro deportista desta especialidade do mushing en contar con tres títulos na súa vitrina persoal, logo dos acadados no ano 2012 e a pasada campaña.

Á integrante do Club Alejandro Gómez-Purina bastoulle un segundo posto na quinta e derradeira proba do calendario estatal para facerse co triunfo na xeral con 128 puntos, polos 112 de Sonia Álbarez e polos 90 de Leire Fernández, esta última gañadora na cita catalana, e vasca como Álbarez.

Segunda na carreira de Cercedilla, e terceira en Ólvega, Touriño asentou o seu tercer éxito na Copa de España con sendos triunfos nas probas de Comillas e da Estrada. Resultados que a situaban líder provisional, e que lle garantían como mínimo o subcampionato na súa loita pechada con Sonia Álbarez. En Vallgoguina a vikinga deu novamente o tipo, na cita máis esixente, por ser a única con dous sectores e outras tantas xornadas de competición. O sábado, sobre un circuito de 6.930 metros, e o domingo, nun percorrido diferente de 5.930 metros nas inmediacións de Can Pradell.

O terceiro título de Mónica Touriño prolonga a súa excelente tempada, que arrincaba cun oitavo posto no Campionato de Europa, e na que acadou ademais o ouro no Campionato Galego -declinou participar na Liga Galega tras perder esta boa parte das probas do seu habitualmente amplo calendario-.

Se ben o Club Alejandro Gómez-Purina só desprazou a Vallgorguina a dous deportistas e os seus compañeiros caninos -o vilagarcián Arturo González con Indie rematou noveno en Elite Masculina-, o equipo pechou a Copa de España con sete podios. Entre eles, ademais do de Touriño, os dous do vilanovés afincado en Lousame Fernando Pérez, que na súa primera tempada no canicrós colgouse con Sentinel o bronce na categoría Absoluta Masculina e a prata na Elite tras o presidente do seu club, Alejandro Gómez.