Yago Vicente postúlase ao Mundial co seu ouro no Open de España de Salvamento

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O deportista consegue en Elche o maior fito dun nadador do C.S.N. Vilagarcía

08 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Campión de España e do Spanish Open International. Niso se converteu o pasado domingo Yago Vicente, nadador do Club Salvamento e Natación Vilagarcía. Concretamente, da modalidade de 100 metros combinada de socorrismo en piscina da categoría júnior. Un resultado que pasa a ocupar a etiqueta de maior fito individual dun deportista da entidade arousá, por canto falamos da cita máis importante da disciplina de salvamento de cantas se celebran en España, con dous podios non sempre coincidentes. O do campionato nacional, ao que só se soben os tres mellores españois; o do open, recoñecendo os tres mellores independentemente da nacionalidade dunha proba que este ano reuniu a máis de 530 deportistas chegados tamén de Alemaña, de Gran Bretaña e dos Países Baixos.

A participación de Yago Vicente en Elche foi de menos a máis durante os tres días de competición. Na xornada inaugural, o pasado venres, rematou preto do reparto de medallas cun quinto posto nos 200 metros obstáculos cun tempo de 2.08.15. Un día despois, o sábado, o vilagarcián deu un paso adiante, colgándose a prata no Campionato de España e o bronce no Open na proba dos 50 metros remolque, parando o crono en 31.73. E o domingo, no día da despedida, o nadador galego sacou o mellor de si para, con toda unha demostración das tres palabras que, segundo o seu club, o definen, esforzo, constancia e dedicación, coroarse nos 100 metros combinada. Pola mañá, mellorando en máis de 2 segundos a marca persoal coa que chegaba a Elche para converterse no único deportista en idade júnior quen de acadar as finais absolutas cun tempo de 1.05.53. E pola tarde, superándose a si mesmo para gañar en 1.04.89.

Na final dos 100 metros combinada, Yago Vicente houbo de impoñerse a varios compatriotas, pero tamén a competidores alemáns e británicos. O podio júnior do Campionato de España e do Open de España coincidiron desta vez, ao ser os tres mellores deportistas españois. Xoel Teijeiro Prado, do Club Acuático Umia, cun tempo de 1.06.78, e Ian Calvo Santos, do Club Playas de Castro Urdiales, con 1.07.49, acompañaron o arousán na recollida de metais.

O presidente do C.S.N. Vilagarcía, Fernando Vicente, puxo onte en contexto o valor que o feito por Yago ten: «Para nuestro club es un hito, porque las condiciones respecto a otros clubes más potentes de España es desigual. Sobre todo esta temporada, que ha sido especialmente difícil: cierre de entrenamientos, traslado a la piscina de Cambados y tener que usar el gimnasio y la piscina en Pontevedra en festivos y domingos... En definitiva, mucho sacrificio».

Con 16 anos, Yago Vicente leva toda a súa vida deportiva traballando para manterse onde xa leva tempo, consolidado na zona de podio autonómico e despuntando fóra de Galicia, fixo nos campionatos de España de salvamento desde os 8 anos, tanto nos de inverno, en piscina, como nos de verán, en augas abertas. Unha maduración que reforzou coa súa presenza nos opens internacionais que se celebran en España, nos que foi podendo contrastar puntualmente o seu nivel co dalgúns dos competidores doutros países.

Non hai moito, o vilagarcián acudiu á chamada do equipo técnico da Real Federación Española de Salvamento y Socorrismo (RFESS) para participar nunha concentración da selección española xuvenil no Centro de Alto Rendimiento de Sierra Nevada. Xa en categoría júnior, o éxito que vén de conseguir en Elche sitúa a Yago Vicente no trampolín de saída para a que sería a súa primeira internacionalidade, co Campionato do Mundo de Salvamento figurando ao final da temporada, o vindeiro mes de agosto en Australia.