O BNG pide explicacións sobre o reingreso de Matías Cañón ao PP da Illa

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Matías González Cañón durante un pleno na Illa
Matías González Cañón durante un pleno na Illa MONICA IRAGO

Considera unha «burla» que se apele á exemplaridade do concelleiro condenado por maltrato

03 may 2024 . Actualizado a las 16:43 h.

A deputada da comarca do Salnés Montse Prado vén de reclamarlle ao PP explicacións e unha rectificación pública despois de anunciar o reingreso no grupo municipal da Illa do concelleiro, Matías González Cañón, condenado no ano 2011 por unha agresión a unha ex parella. «É unha burla ao conxunto das mulleres e moi especialmente ás que sofren violencia machista considerar a este edil unha persoa intachable e apelar á súa exemplaridade e compromiso contra a violencia machista», considerou Prado, en alusión á nota de prensa que remitiu o PP da Illa.

En opinión de Prado, «o grave xa non é o reintegro ao grupo municipal dun edil ao que hai un ano non lle permitiron formar parte do mesmo por ter unha condena por exercer violencia machista contra unha ex parella senón os argumentos utilizados para xustificar o reingreso», en alusión ao pago de 89 euros e aos traballos comunitarios realizados polo edil.

Prado reclámalle ao PP galego que aclare se apoia as afirmacións contidas na nota de prensa, subliñando, neste sentido, que «a violencia machista contra as mulleres é a máxima expresión dunha sociedade patriarcal e a loita contra a mesma ten que ser firme e con feitos, non meramente declarativa».

Montse Prado considera «moi preocupante» que estes feitos coincidan coa eliminación no organigrama da Xunta da Secretaría Xeral de Igualdade e acusa ao PP de «facer seguidismo da extrema dereita minimizando a violencia machista e negando a mesma».