«A novela policial ten que ser entretemento e reflexión»

ana escudeiro thomas, M.A.

CAMBADOS

S. AMIL< / span>

Miguel Anxo Fernández presenta estes días a súa nova novela; mañá no cambadés Pazo de Torrado ás 20.30 h

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O intrépido detective creado por Miguel Anxo Fernández no ano 2002 con «Un nicho para Marilyn», volve ás andadas. Nesta ocasión, o personaxe regresa da costa oeste dos Estados Unidos onde vive, para resolver un caso nada menos que en Lalín. A trama comeza cun detalle certamente autobiográfico: «estaba eu na Festa do Cocido de Lalín cando comín un chourizo que contiña un óso, entón pensei que podería ser a metade dun dente humano». Así naceu a idea inicial que dá nome á nova entrega desta saga policial, «Un dente sen cadáver».

Frank Soutelo amosa as raíces galegas en de todas as entregas. Nesta ocasión, a súa relación concreta coa vila mariñeira onde se presentará mañá o libro é múltiple. «Como en toda a serie, mantense a relación con Beni, quen rexenta un restaurante na costa de Santa Mónica. Alí a relación có home galego é directa, porque Frank frecuenta esa taberna, e aquí o personaxe de Beni segue presente, primeiro pola familia deste en San Tomé, en Cambados, e logo coa presenza dunha tía en Muros, onde Frank vai cando viaxa a Galicia para levarlle as receitas ao seu amigo».

Na cita de mañá, o colaborador de La Voz de Galicia estará acompañado pola fotógrafa Dunia Álvarez. Unha vez máis, como fixera dende que iniciara a andaina deste personaxe, brinda a oportunidade a xente recentemente encamiñada no mundo audiovisual. «Como profesor de comunicación audiovisual sempre hai alumnos que se queren adicar á fotografía, entón lles propoño a eles facer a tapa ou as fotografías de estudo. Sempre penso que a xente nova precisa esa oportunidade e no caso de Dunia Álvarez encargouse dous retratos promocionais da novela» di sobre a labor da outra ponente de mañá. «A aportación é modesta, pero é unha maneira de comezar a facer currículo», engade.

A actualidade volve ás paxinas desta serie de misterio. A explotación da muller, a inmigración e a especulación son algunhas das cuestións que se incorporan á vida do detective. «Para min a novela policial ten que ser entretemento, parto desa base, pero tamén ten que invitar á reflexión», aclara o autor, antes de adiantar a modo de spoiler algunhas das encrucilladas nas que Soutelo se somerxe nesta ocasión. «Por desgraza os trazos de actualidade que introduzo nesta novela ocorren en medio mundo, así que Galicia é perfectamente fonte de inspiración destes feitos».