A Garda Civil empregará cámaras de vixilancia durante o Albariño

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

Xunta Local de Seguridade celebrada o venres en Cambados
Xunta Local de Seguridade celebrada o venres en Cambados cedida

Cambados rexistra un incremento dos delitos respecto do 2023 debido ás ciberestafas

05 may 2024 . Actualizado a las 10:13 h.

A Garda Civil empregará cámaras de vixilancia durante a LXXII Festa do Viño Albariño que se celebrará en Cambados do 31 de xullo ao 4 de agosto. Esta é a principal novidade respecto doutros anos, segundo se puxo de manifesto durante a xuntanza da Xunta Local de Seguridade que se celebrou onte no Concello presidida polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Estivo acompañado polo alcalde, Samuel Lago, o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a tenente da Garda Civil de Cambados, Reyes Peña, responsables de Tráfico e o xefe da Policía Local, Jesús Chan, entre outras autoridades e mandos policiais.

Onte marcáronse as liñas mestras dun plan de seguridade que seguirá perfilándose nas vindeiras semanas e para o que se activarán operativos especiais de tráfico, con controis de circulación nos accesos a Cambados, de alcoholemia e drogas, contando para iso de medios terrestres e aéreos. Doutra banda, disporase durante os festexos dun punto lila que servirá de espazo de información, prevención, asesoramento e axuda ante calquera caso de violencia machista ou discriminación sexual.

Na Xunta de Seguridade tamén se analizaron os datos de evolución da delincuencia no municipio e remarcouse que a taxa de criminalidade está situada en 39 delitos por cada mil habitantes, unha media moi similar á que se dá no conxunto de España, polo que se considera que Cambados é un municipio que goza dun alto nivel de seguridade.

En canto á evolución das estatísticas, o ano 2023 supuxo un repunte dun 5 % no índice de delitos. Como se informou na reunión, isto débese fundamentalmente ao crecente impacto da ciberdelincuencia, pois os delitos cometidos na rede, sobre todo os relacionados con ciberestafas, practicamente se dobraron, cuestión que pesa nas estatísticas finais.

Con todo, a parte positiva radica no incremento dun 17 % no índice de esclarecemento dos delitos. Ademais, tanto os delitos leves como as infraccións administrativas, que son as que moitas veces máis contribúen á sensación de seguridade cidadá, rexistraron importantes descensos do 11 % e do 18 % respectivamente.

Abel Losada informou tamén do impacto da violencia de xénero en Cambados, no que existen 33 vítimas en seguimento, a maioría en risco baixo. Cambados non está adherido actualmente ao sistema de protección Viogén, mais valorará asinar o convenio no futuro.

Finalmente, acordouse poñer en marcha unha comisión de traballo entre Policía Local e Xefatura Provincial de Tráfico de cara á sinatura dun acordo de colaboración para mellorar os servizos públicos de control do tráfico empregando para iso recursos de ambos corpos.

Abel Losada destacou o escenario de total entendemento entres as Forzas de Seguridade presentes e fixo un chamamento á colaboración de todos os corpos nos diferentes ámbitos polo ben da seguridade común e da mellora da vida da cidadanía.