O técnico do Manresa, o segundo adestrador con máis partidos na Liga ACB, estará en Vilagarcía a fin de semana do 19 e do 20 de xuño
28 may 2015 . Actualizado a las 05:05 h.Os responsables do Ciclo Formativo de Técnico Deportivo e Técnico Deportivo Superior de Baloncesto do Instituto Fermín Bouza Brey de Vilagarcía anunciaban onte a materialización dun dos seus maiores soños desde a primeira edición do curso de adestradores que organizan no complexo deportivo de Fontecarmoa desde o ano 2009. E é que os alumnos do mesmo poderán contar na súa sétima edición, os vindeiros 19 e 20 de xuño, coas leccións maxistrais dun dos maiores catedráticos do deporte da canastra en España: Pedro Martínez.
O desde a tempada pasada adestrador do Bruixa d?Or Manresa sobrepasou no presente exercicio deportivo os 700 partidos nos banquiños da Liga ACB, tan só superado polo mestre de mestres e nestes momentos técnico do Gran Canaria, Aíto García Renseses.
Conquistar a permanencia para o Manresa na derradeira xornada da fase regular, e facelo ademais endosándolle ao titán Real Madrid a súa primeira derrota da tempada en cancha merengue, foi a última gran xesta de Martínez. A primeira, levar o Joventut a erguer a Copa Korak na tempada 1989/90 nunha final ante o Scavolini de Sergio Scariolo, no seu debú como primeiro técnico ACB.
Manresa, onde foi elixido mellor adestrador ACB 93/94, de novo Joventut, Salamanca, Granada e Ourense deron paso na LEB Prata a Menorca e Tenerife. O currículo de Pedro Martínez complétase despois con volta á ACB en Gran Canaria, Baskonia con Supercopa, Estudiantes, Girona, Sevilla, e de novo Manresa.
Inscrición, e outra gran sorpresa
Desde a organización do Clínic Vilagarcía 2015 do Bouza Brey adiantouse onte o anuncio nos vindeiros días do nome doutro dos adestradores que figuraba entre os poñentes máis demandados nas enquisas feitas aos alumnos da edición 2014. Os interesados en acudir ao clínic poden anotarse ata o 17 de xuño ingresando 15 euros nunha conta bancaria dispoñible en cursobaloncesto@gmail.com ou pagando 20 na primeira xornada.