Veloso, Romero, Julio Suárez, Cris González e Andrés López optan a mellor deportista local

vilagarcía / la voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

O galardón será anunciado e entregado nunha gala o venres 3 de xuño

25 may 2016 . Actualizado a las 21:49 h.

O xurado do Premio ao Mellor Deportista Local de Vilagarcía, concedido pola Fundación Municipal de Deportes, seleccionou na noite do martes o nome dos cinco finalistas ao galardón. Un recoñecemento ao que aspiran o flamante bicampión da Volta a Portugal, Gustavo César Veloso, o padexeiro do Breogán do Grove Diego Romero, bronce o pasado domingo na Copa do Mundo de Duisburgo en C-1 5.000 e medallista continental e mundial Sub-23, o triatleta veterán Andrés López, o xadrecista Julio Suárez, e a ultrafondista Cristina González. Todos eles, en base aos seus éxitos na tempada 2015.

O fallo do premio e a súa entrega realizaránse o venres 3 de xuño, no Salón García a partir das 21.30 horas. Será nun acto no que tamén se procederá ao recoñecemento con sendas mencións especiais á capitana do primeiro plantel da A.D. Cortegada, a catalana Montse Gilabert, pola súa dilatada traxectoria deportiva, os dez últimos anos no club vilagarcián, á cambadesa Araceli Bugallo polo seu labor coma adestradora e alma mater da Asociación Vilagarcía Esgrima, a Deportes Rodas coma empresa colaboradora co deporte, ao comité organizador do XII Memorial Miguel Ángel González, e ao redactor deportivo Gonzalo Sánchez.