O desemprego: un drama que ten solución

Xosé Lamela SECRETARIO DE CC.OO

FIRMAS

03 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Máis dun lector ou lectora comezará lendo este artigo ca sensación de que o título é pretencioso, e pode pensar que se a cousa ten solución debería solucionarse. Certamente, os datos do desemprego a 31 de decembro de 2011 amosan un incremento do paro en máis de 10.000 persoas en comparación á mesma data do ano anterior, polo tanto, unha constatación, a cousa en vez de amañarse tende a empeorar. ¿A que ven a afirmación de que o drama do desemprego ten solución? Na miña modesta opinión vou apuntar algúns dos elementos que farían posible encetar o camiño:

1.- Estamos nun territorio, Barbanza, que se ve afectado polas políticas económicas e sociais que se deciden na Xunta, goberno do Estado, UE etcétera, variables que no noso ámbito non temos capacidade de mudar.

2.- Sendo conscientes das nosas limitacións, tamén debemos selo das nosas posibilidades de actuación, e nese sentido é onde debemos profundar. Temos que ter claras as nosas vantaxes competitivas, os nosos recursos aos que podemos e debemos sacarlles o máximo partido. As nosas rías e praias, a nosa paisaxe... Debemos conseguir que a nosa pesca de baixura, a de altura, o noso marisqueo, a nosa agricultura, os nosos montes sexan fonte de emprego. Considero que ás nosas rías non se lles está sacando a potencialidade que teñen como xeradoras de riqueza e emprego, e neste eido hai tres opcións para acadalo:

a) Empezar a consideralas como unha gran piscifactoría que coidamos mancomunadamente e que logo comercializamos en beneficio dos mariñeiros implicados no seu coidado e explotación. Debemos mellorar a renda dos produtores e crear máis emprego.

b) Derivado do anterior, temos que estudar como creamos elementos de colaboración entre as confrarías, para ver como creando unha economía de escala, conseguimos servizos que sexan máis rendibles para todos.

c) Combater eficazmente o furtivismo, auténtico cancro do marisqueo. Para min o non respecto das normas e topes é un tipo de furtivismo que causa un dano grandísimo ao conxunto de profesionais.

En resumen, poñer en valor os nosos recursos, explotalos racionalmente e de forma sostible, agruparnos para facelos máis rendibles, comercializalos eliminando ou redución intermediarios, buscando as economías de escala, estas son algunhas das cousas que debemos facer.

Está claro que as políticas que veñen desenvolvendo Xunta, Goberno de España e UE aplicando recortes non axudan a crearnos unha nova dinámica, unha nova mentalidade que nos proxecte para ir solucionando o presente e ganar o futuro. De nós depende unha parte, poñámola en marcha.

Por último, dicir que debemos esixir as autoridades da Xunta e Facenda, que é necesario reducir a economía somerxida, o fraude fiscal; se tal cousa non se atalla, estamos condenados a seguir nunha economía con mentalidade cerralleira que en nada nos beneficia.