Un paro provocado intencionadamente

Xan García RESPONSABLE DA CIG

FIRMAS

03 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Oparo non para. Os datos oficiais confirman, mes a mes, os prognósticos máis pesimistas. Pesimistas, pero acertados. O paro non para, e aínda medrará máis. Estamos de cheo nunha fonda crise do sistema neoliberal para a cal moitos Estados da UE -o español incluído- poñen en práctica políticas de recortes dunha envergadura sen precedentes.

Publicado no Boletín Oficial del Estado o día 11 de febreiro, o Real Decreto-Ley 3/2012 de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, estanse a dar xa os primeiros efectos deste brutal ataque á clase traballadora. Aos locais sindicais chegan un número significativo de traballadores con antigüidades nas empresas de dez, vinte e, incluso, trinta anos, despedidos baixo o novo formato de despedimento obxectivo. Isto significa doce días de salario por ano traballado -os outros oito págaos o Fogasa- sen ningún tipo de control das Administracións. Legalízase a fraude.

Non é de estrañar. A reforma foi feita con moitos obxectivos: un deles é, precisamente, a destrución masiva de emprego fixo co fin de que se algún día esta man de obra se volve reincorporar ao traballo farao nas condicións de precariedade absoluta que ampara este decreto de exterminio. Fíxose unha reforma para facilitar unha limpeza das plantillas de xeito barato e créanse as condicións para a sobreexplotación do traballador, que se verá confinado a salario de miseria e xornadas abusivas. Mentres, axúdase ás empresas. Danse millonadas á gran banca, redúcese a inversión pública e non se axuda precisamente ao desenvolvemento do tecido industrial.

As empresas que cumpren cos convenios veranse inexorablemente obrigadas a entrar no negocio. Ata entre eles se matan.

O paro medrará e é necesario recordar que por cada parado hai dúas ou tres bocas. Estas bocas irán mercar a marca branca e non se meterán a préstamos nin hipotecas. En definitiva, baixará o consumo e os efectos no sector do comercio e dos servizos, entre outros, serán eses que están pensando.

Iso si, o Goberno mandará aos parados facer servizos de interese para a comunidade. Podémonos atopar con que Paco, que era bombeiro e agora está no paro, poida ser reclamado para apagar o lume gratis.

Non queda outra. É tempo de moverse. Nin o parado debe quedar parado nin o activo a velas vir.