Aconcatenación entre xuventude, alcohol, drogas e violencia é sinxela, pero categoricamente reducionista e, polo tanto, falsa. Estigmatizar todo un tramo xeracional como violento é gratuíto e insensato.
Como toda pauta violenta, o vandalismo é, canto menos, estridente, execrable, custoso. Pese a ser un comportamento reducido a un número limitado de individuos, é sempre un fracaso colectivo. Non esquezamos que a violencia, sexa cal sexa a súa forma de expresión, é un problema social e, polo tanto, de todos.
É sinxelo, cómodo e incluso catárquico atopar responsables que xustifiquen os brotes de vandalismo: a escola, a familia, a sociedade, as institucións; ou tildar aos culpables de personalidades sociopáticas. É frecuente afirmar: «Eu pouco podo facer. Para iso pagamos aos políticos ou á Policía», o cal non deixa de ser unha confortable maneira de eludir a responsabilidade.
A tolerancia cero e as medidas represivas non son a única resposta se queremos verdadeiras solucións ao vandalismo. A punición só é un remendo se non vai complementada de medidas preventivas. Deberiamos ter a certeza de que a profilaxe da violencia só pode obterse co fomento decidido da cultura da paz, que non é máis que a cultura de todos: a cultura democrática.
Esta aparente fácil solución choca con enraizados patróns de conduta, como o individualismo. Tendemos a considerar os bens persoais máis importantes que os colectivos. Poñemos o grito no ceo se nos rompen un cristal da nosa fiestra, pero pasamos case indiferentes ante unha papeleira rota; no fogar, apagamos os cigarros nos cinceiros, pero na rúa tirámolos ao chan. Evitamos todo un repertorio de condutas inaceptables nas posesións privadas, pero reproducímolas sen recato en espazos públicos.
A cultura da paz e da convivencia democrática é tamén incompatible coa pasividade como cidadáns ante a violencia. Escudarse tras un «non é o meu problema» é un comportamento antidemocrático. Seguimos perpetuando condutas de apocamento social con ambiguos «acusar está mal». ¿Como non imos acusar ao que pega, ao que rompe, ao que viola, ao que soborna? Nestes casos, calar é converterse en cómplice. A violencia quizais sexa connatural ao ser humano, pero rebelarnos contra ela é obriga, de todos.