Apregunta está sobre a mesa. A presente crise, refuxio para ilustrar o parque de vivendas baleiras, débenos facer reflexionar sobre o estado de arqueoloxía inmobiliaria que vimos padecendo. Esta non é unha crise máis, nin sequera transitoria: vivimos un estado crítico estrutural, no que as decisións teñen que ser determinantes, estratéxicas e reflexivas. O cambio xeracional leva anos producindo un envellecemento da poboación, froito da emigración dos nosos mozos a outros lugares laboralmente máis rendibles.
A comarca non é atractiva para eles: carecemos de ideas, de investigación sobre modelos vitais con base no territorio: temos o mar, temos o monte, pero estamos empeñados en canalizar o traballo na construción e no turismo, cando hai oportunidades en outros eidos sen explotar ou sen potenciar. O éxodo, timidamente contrarrestado pola inmigración, é constante dende hai anos, non hai máis que botar man das estatísticas: unicamente Boiro, Noia, Rianxo e Ribeira resístense á perda de poboación mentres o resto dos concellos sófrena vertixinosamente: 5.400 persoas no que vai de século.
Os motivos poden ser varios: Boiro e Ribeira teñen potencial para facer atractivo vivir nelas. Noia e Rianxo poden estar aproveitando a súa proximidade ao Eixo Atlántico, motor do país, pero ao resto dos concellos fáltanlle incentivos para fixar a poboación ou mesmo atraela.