«O Castelo Rock é unha fin de semana distinta ao resto do ano»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Co obxectivo de recadar fondos para ese festival de agosto, prepararon para o 19 deste mes unha actuación previa

11 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A novena edición do Castelo Rock de Muros xa ten data: 3 e 4 de agosto, no porto. Pero antes desa cita aínda haberá outra: o Castelo Rock Expresso. Trátase dunha iniciativa a modo de concerto, tamén organizada pola asociación Praia do Castelo, e coa cal pretenden recadar fondos para o festival do verán. O Expresso será o 19 de maio, diante da praza do concello, e actuarán os grupos Uxío Mayo (Santiago), Kolision Frontal (Muros), D Kona (Viana) e Supa Scoopa (Redondela). David Pastoriza Fernández é o secretario da entidade organizadora, que preside Elisardo Conchas. Na directiva hai mozos, pero tamén «matrimonios». Unha boa combinación. O ano pasado non houbo festival, pero neste 2012 están preparando todo ao máximo e fano coa asociación renovada: hai só tres semanas houbo cambios na directiva.

-¿Funciona o Castelo Expresso?

-Xa o temos feito máis veces, case todos os anos, e si funciona, aínda que coma o de agosto non é en canto a asistencia de xente: no Castelo Rock do verán do 2009 chegamos a xuntar unhas 3.500 persoas por día.

-¿Pode adiantar algo para o festival do mes de agosto?

-Haberá oito grupos, DJ?s e tamén actividades diúrnas. Polo momento, iso é todo o que podo adiantar ao respecto [ri].

-¿Como vai a asociación?

-Ben. Polo momento vai ben. A asociación existe xa dende o 2004 -o festival dende o 2003-. Foi creada por un grupo de bares que había aquí na zona, xusto ao lado da Praia do Castelo, e logo nós entramos no 2006.

-¿Nótase a crise para a organización do Castelo Rock?

-Moitísimo. Agora estamos negociando co Concello un convenio de colaboración e penso que, para os tempos que corren hoxe en día, nos están poñendo bastantes facilidades. Pero a baixada de presuposto é considerable. Esta é unha época de recortes e xa se sabe que na cultura é onde máis toca case sempre.

-¿Buscarán o apoio dos hostaleiros e dos empresarios?

-Si, para a semana iniciaremos unha campaña na procura de colaboración, que chamaremos Adiante Castelo Rock. Ofrecerémoslle ás empresas a posibilidade de anunciarse nas lonas, na web, na pantalla xigante do festival, nos carteis ou nas camisolas... É necesario contar coa xente de Muros para que colabore con nós e vexa que nos movemos por isto, por sacalo adiante.

-Esforzo de organización.

-Si. O Castelo Rock é unha fin de semana distinta ao resto do ano. Vén xente de fóra expresamente. O que facemos é traballar no tempo libre e sobre todo nas fins de semana, que é cando nos reunimos. Agora temos un local que nos abriu o Concello en febreiro, e todos os sábados facemos algunha actividade cultural.

DAVID PASTORIZA UN DOS ORGANIZADORES DO CONCERTO DE MUROS