Carlos Callón amosa o camiño da defensa do idioma no seu último ensaio

Álvaro Sevilla Gómez
ÁLVARO SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O ribeirense presentou na súa localidade o traballo «Como defenderes os teus dereitos lingüísticos»

23 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Logo de percorrer todo a xeografía galega, e parte da española, Carlos Callón chegou a Ribeira, concello onde naceu, para presentar, na tarde de antonte, o seu novo traballo ensaístico, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

O posto escollido para dita presentación foi a sede da Confraría de Pescadores de Santa Uxía, lugar que durante preto dunha hora se converteu nun reduto do galeguismo. Xunto ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística estiveron: Manuel Bragado, editor do libro e director de Edicións Xerais de Galicia; Rosana Pérez, portavoz do BNG na Pobra do Caramiñal, e Elvira Blanco, responsable da Mesa pola Normalización Lingüística na comarca da Barbanza.

Foi Manuel Bragado o encargado de comezar a presentación, durante a cal tivo palabras para recoñecer a importante labor de Callón: «Estamos ante unha persoa cun gran compromiso ca lingua galega, é teimoso, infatigable. Ante os síntomas de conformismo actuais é quen de demostrar que defender a lingua é posible se existe entusiasmo».

Atrancos na universidade

Despois de Bragado foi Elvira Blanco a que tomou a palabra. Ademais de agradecer a Callón a súa visita a Ribeira, tivo palabras de denuncia cara a situación do galego na universidade: «Non é normal que os que así o queiramos, non poidamos utilizar o galego na universidade».

Tamén a portavoz do BNG na Pobra, Rosana Pérez agradeceu a visita de Callón ao Barbanza, ademais tivo unhas palabras a favor do galego: «Creo que é un dereito fundamental poder vivir na nosa propia lingua, agora mesmo é unha tarefa de heroes ter un compromiso propio pola lingua galega»

Por último Carlos Callón agradeceu a tódolos asistentes que acudiron á presentación: «Estou moi contento con vervos a todos, aos que coñezo e aos que aínda non tiven o pracer de coñecer?. Tamén definiu o seu traballo: «É como un libro de auto axuda para tódolos os galegofalantes, nel poden encontrar o descanso necesario cando están un pouco cansados de loitar»