Mes e medio despois de constituírse a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, esta entidade fixo público que o seu ámbito territorial foi aumentado. Nun principio, este colectivo tiña representantes en cada un dos catro concellos de Arousa norte, ademais de Porto do Son. Desde esta semana tamén contará con delegados en Noia, Lousame, Serra de Outes e Muros.
A directiva da Comisión, composta por 13 integrantes, foi constituída o mércores. O presidente é Xan Ermida, e o secretario, Adrián Romay. A tesourería a ocupará Xosé Alberte Lorenzo. En Ribeira, os representantes serán Encarna Pego, Pilar Pereiro e Xosé Álvarez; Xoán Muñiz, na Pobra; Xosé Deira, en Boiro; Adolfo Muíños, en Rianxo; Xoán Pastor, en Porto do Son; Xosé Antonio Pérez, en Noia; Xulio Paradela, en Lousame; e Xan Mariño, en Outes e Muros.
Primeiras iniciativas
Durante a constitución da nova directiva, os seus integrantes acordaron formar diversos grupos de actuación que traballarán no deseño dun amplo calendario de actividades e actos. Unha das citas que teñen previsto organizar será de ámbito comarcal e terá lugar entre os días 19 e 25 de novembro. O que aínda se descoñece é onde.