O sonense amosa por vez primeira en Barbanza a súa obra
19 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Xunto con outros integrantes do colectivo Caleidoscopio, o sonense Óscar Bonigno Santa Cruz amosa varias esculturas nas instalacións do Liceo de Noia. A exposición preséntase baixo o título Corpos en paralelo, e permanecerá no edificio noiés ata fin de mes. Esta é a primeira vez que o artista do Son dá a coñecer a súa obra en Barbanza, pero non será a derradeira.
-¿Cando comezou a súa afección pola escultura?
-Pois ven de antigo, pois empecei a miña formación na Coruña a finais da década dos setenta. Logo completei estudos no Mestre Mateo compostelán, onde realicei diferentes cursos de especialización.
-Con esa ampla formación, ¿non conseguiu abrirse camiño na escultura a nivel laboral?
-Pois non, é moi complicado. A verdade é que tampouco estiven nunca interesado en promocionarme no mercado artístico, nin sequera quixen expoñer os meus traballos. Ata que entrei a formar parte do colectivo Caleidoscopio nunca amosara as miñas creacións.
-¿Cando e por que nace este grupo?
-O colectivo está formado por persoas que coincidimos en cursos no Mestre Mateo. Decidimos crear un grupo que non é só de escultores, tamén teñen cabida a pintura ou a performance.
-¿Que obxectivos persegue Caleidoscopio?
-A idea é dar a coñecer as nosas obras, intercambiar experiencias e procurar locais para expoñer. O grupo iniciou a súa andaina no 2010 e, desde entón, expuxemos en Carballo, en Lalín e agora en Noia
-¿Que pode atopar o público no Liceo?
-É unha exposición de carácter figurativo, que xira ao redor do corpo humano. Cada un representa esta temática ao seu xeito.
-¿Xa hai seguinte parada para esta mostra?
-Pois si. A responsable de Cultura de Porto do Son fíxonos un ofrecemento e, cando remate outubro, desmontaremos no Liceo de Noia para trasladar alí a exposición.
-¿Cales son as súas preferencias á hora de crear?
-A escultura figurativa, desde tallas en madeira ata forxa, pasando por pedra, modelado, cerámica... Tamén toco técnicas experimentais, empregando incluso materiais de refugallo. Podo buscar a inspiración en algunha cousa ou facer sinxelamente unha amalgama.
-¿Por que se decidiu a amosar agora a súa obra?
-Quizais perdín o medo a expoñer animado por Caleidoscopio. Atopei a canle ideal para dar a coñecer a miña obra.
-¿Pensa incluso en chegar a vivir da arte?
-Si, agora si que mo planteo. Poder vivir do que a un lle gusta sempre é apetecible. De feito, as obras que se expoñen en Noia están á venta.
-Pero, ¿quizais non sexa o momento máis oportuno?
-Dámonos conta de que a situación non é doada, pero o único xeito de darnos a coñecer é sacar as obras a rúa.
óscar bonigno santa cruz escultor