A historia de Lira, en debuxos

j. m. sande CARNOTA / CORRESPONSAL

BARBANZA

sande

Un cómic de Manel Cráneo recrea a vida na Torre dos Mouros

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Divulgar os achados da primeira fase da intervención arqueolóxica realizada na fortaleza dos montes de Lira e expoñer hipóteses son os obxectivos do cómic A torre dos mouros, que o venres foi presentado na casa consistorial de Carnota polo seu autor, Manel Cráneo. Os indicios dos que se dispón sitúan a orixe da fortaleza entre a antigüidade tardía e o período altomedieval. A historieta que reproduce Cráneo nesta banda deseñada tenta amosar a vida nesta franxa da costa, e a vinculación das súas xentes co mar, que lle aporta vida, pero tamén que pode ser a porta cara a morte. É por iso que os habitantes desa zona se protexían con muros de defensa contra os normandos.

A presentación do cómic contou coa presenza dos historiadores Antón Malde e Manuel Gago, directores do proxecto de recuperación da fortaleza coñecida coma Torre dos Mouros. Os dous se referiron aos traballos arqueolóxicos feitos este ano destacando que a fortaleza de Lira é única en Europa, na súa orixe, na súa tipoloxía, e tamén na idea colectiva de traballo e colaboración para acadar a obra, sendo o motivo da súa construción a protección contra os invasores normandos e vikingos.

Proceso de elaboración

O autor desvelou o proceso seguido na confección do cómic: «Tiven a sorte de contar, de forma permanente, co asesoramento técnico e histórico dos directores do proxecto. Por iso, pensei no home e na pedra coma elementos esencias para elaborar a narración. A historia é ficticia pola escaseza de documentos históricos, pero crible dados os achados, a situación xeográfica e os coñecementos etnográficos da época na que se cre foi ideada e construída a torre».

Manel Cráneo tamén se referiu ao factor humano colectivo, posto de relevo ao longo da historieta da banda deseña, así como ao feito de que «Carnota é, no seu conxunto, un parque temático histórico, onde, despois da abundancia dos petróglifos do pasado, abundan as construcións para a defensa contra os pobos invasores, como se aprecia en castros coma o de Mallou, o castelo de San Xurxo, ou outras pequenas defensas».

Coa publicación deste cómic, o artista gráfico coruñés pretende tamén «humanizar, dotar de vida propia e espallar unha constatación histórica, como foi a defensa da costa galega contra os invasores, que dende o norte de Europa se dirixían cara ó Mediterráneo».