O recompilatorio de A Voz de Barbantia seguirá á venda nos quioscos durante un mes

Ribeira / La Voz

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

10 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de máis de dous anos e medio de espera, onte chegou aos quioscos de toda a comarca un novo recompilatorio con 25 números do suplemento cultural A Voz de Barbantia. O volume, o terceiro dos editados ata o momento, estará ao alcance dos lectores nos puntos de venda durante un mes.

Foron moitos os que xa na xornada de onte se achegaron aos quioscos e librarías habituais para facerse cun dos exemplares publicados por La Voz de Galicia e a asociación Barbantia, un libro que compila preto de trescentas colaboracións que foron vendo a luz, mes a mes, nas páxinas da edición de Barbanza do xornal. O novo volume aglutina os traballos incluídos no suplemento cultural entre xaneiro do 2010 e o pasado mes de maio, e pode adquirirse, xunto co periódico, por un prezo moi razoable: dous euros. Neste libro, aparecen reunidos os números do caderniño do 51 ao 75.

Editado nun papel de gran calidade, e en formato facsímile, dun tamaño lixeiramente inferior ao das páxinas do xornal, o recompilatorio sae de novo á rúa co obxectivo de achegar á cidadanía o traballo dos creadores e artistas, novos e consolidados, que abundan na comarca barbancesa.