«Eu prefiro que sexa en galego»

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

15 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Profesor e percusionista profesional, Antón Alcalde reúne malia a súa xuventude unha decena de premios de composición e execución musical. O intérprete rianxeiro recoñece que lle deu «liberdade absoluta» ao director da banda de Vilagarcía para traducir Os heroes do Orzán.

-¿Como se chega á tradución ao castelán desta peza?

-Foi cousa de Suso [Nogueira] e non sei se a fixo ou non el mesmo. O que si é certo é que el me consultou e que eu lle din esa liberdade.

-Pero a obra orixinal é en galego, ¿por que traducila?

-O que a min me explicou é que se trataba de que se entendese mellor e por mor de que lle chegase a máis xente.

-¿E a vostede que lle parece?

-Home, a encarga que se fixo dende A Coruña pedía xa que fose en galego. Eu escribina en galego, prefiro que sexa en galego e traducila ao castelán para interpretala en Galicia é un pouco unha contradición.

-¿E como foi, entón, que autorizou o pase ao castelán?

-A un músico e a un compositor o que lle gusta, o que lle apetece, é que toquen a súa obra. E este foi o caso, aínda que a min gustaríame que fose en galego.

-¿Como é esa parte narrada?

-Puiden acceder aos atestados da policía e empregueinos para narrar os feitos. Deles xurdiron todos os temas. É un poema sinfónico con narrador, cunha voz en off que serve de guía para a música. Postos a traducila, creo que aínda tería máis sentido facelo ao inglés có castelán.