Desenvolve a súa profesión no eido do cine e do teatro
07 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Leva quince anos entre cremas, sombras e rimel, traballando como maquilladora de actores. A experiencia e o bo facer servíronlle á boirense Trini Fernández para ser merecedora dun premio María Casares, pola súa achega á función A ópera dos tres reás. Nestes intres, outro musical no que colabora, Galicia caníbal, está tamén nominado para ese mesmo galardón en varias categorías, unha delas, a de maquillaxe e perruquería.
-¿Como acaba unha boirense maquillando a actores en toda Galicia e mesmo en Madrid e Barcelona?
-Xa de pequena lle botaba unha man á miña irmá, Amparo Fernández, e fóiseme apegando a profesión. A maquillaxe, ao igual que as artes plásticas, sempre se me deron ben. Estando a estudar no Lamas de Abade, fixen un traballo que gustou e mandáronme para a Televisión de Galicia. Pouco a pouco funme introducindo no sector. Lémbrome agora de traballos coma Entre bateas ou O lapis do carpinteiro.
-De todo o que fixo, ¿con que se queda?
-O primeiro que me ven á cabeza é A ópera dos tres reás e Galicia caníbal, porque foron traballos que me encantaron porque desbordan creatividade por todas partes.
-Agora mesmo, ¿en que está mergullada?
-Estou cunha serie, Escoba, que se está gravando en Santiago e que vai xa pola cuarta tempada. Tamén teño unha película apalabrada de cara ao verán.
-Teatro, cine, televisión... ¿Con que se queda?
-Quédome cos traballos creativos. Dáme igual o xénero, sempre e cando non me limiten. Gústame facer traballos nos que podo crear personaxes.
-Nas rodaxes e no teatro terá que traballar a contrarreloxo...
-Si, sempre con pouco tempo e con presupostos moi axustados. Eu funciono ben traballando baixo presión, pero recoñezo que o escenario cambiou moito. Antes as películas rodábanse en dous meses a agora, en quince días. No teatro, imos de apoio ás grandes actuacións pero, para o resto, impartímoslles cursos prácticos aos actores e mesmo lles facemos fichas técnicas para que, ao longo da xira, se peiteen e se maquillen.
-¿Cal é o principal atranco á hora de maquillar?
-O resultado depende da materia prima e tamén do que teñas a obriga de conseguir. Ás veces, enfróntaste a un reto que parece difícil, pero a pel e as características da persoa fan que sexa doado e viceversa.
-Hai uns días impartiu un curso de automaquillaxe en Boiro, ¿cal era a finalidade?
-Era un curso básico de maquillaxe, para que a xente aprenda a sacarlle o mellor partido posible aos produtos que ten na casa.
-¿Cal é o erro máis común que comete a xente da rúa á hora de maquillarse?
-Na aplicación das bases. Fállase moito á hora de elixir o ton axeitado en función da cor da pel. Tamén é un erro común o non saber recoñecer o tipo de ovalo que temos.