
A noite máis curta e máxica do ano celébrase de moitas maneiras, segundo o lugar do mundo
28 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A noite de san Xoán celébrase en numerosos lugares de Europa, do Mediterráneo e de Sudamérica. Aquí celébrase a noite máis curta e máxica do ano, onde o lume e as fogueiras son as protagonistas desta celebración na honra de san Xoán Bautista.
Pero segundo o lugar do mundo, esta noite é coñecida e celebrada de moitas maneiras e dende moi antigo. Os homes da prehistoria logo comezaron a darse conta de que, a partir dun determinado momento, o sol perdía a súa forza e os días facíanse cada vez máis pequenos. Temeron que o sol non volvese saír máis e comezaron a celebrar os primeiros rituais de adoración ao sol.
Crese que as primeiras manifestacións aparecen ao redor do 5000 antes de Cristo, e que serían os celtas os iniciadores, aínda que non hai certeza disto. Na cultura celta, os druídas celebraban o Alban Heruin no solsticio de verán acendendo grandes fogueiras coas que se buscaba a beizón para as terras e os seus froitos, así como bos augurios para as parellas e fertilidade para as mulleres. Era unha cerimonia sagrada na que os druídas invocaban o poder do sol e os elementos da natureza.
Os bérberes do norte de Marrocos e Alxeria celebran dende hai séculos o Ansara, de tradición preislámica; acendendo fogueiras en todos os lugares que necesitan ser purificados. Durante a celebración guindan ao lume todo tipo de herbas medicinais e afuman as súas ferramentas de traballo, obxectos persoais, etcétera, porque o fume das cacharelas protexía as súas terras das pragas. Tamén saltaban a fogueira sete veces por riba das brasas e purificaban con ramas acendidas o interior das casas e os enfermos.
A mitoloxía grega entendía o solsticio como unha porta de entrada do sol á dimensión do espírito dos homes. Para os gregos, o astro rei ía reducindo o seu tamaño, lucindo primeiro o exterior e logo o interior, e axudaba os homes a asimilar as experiencias vividas. Esta porta imaxinaria coñecíana como «porta dos homes», e o solsticio de inverno como «a porta dos deuses».
En México, os guerreiros aztecas facían numerosos rituais ao culto solar e construíron os seus monumentos máis importantes tendo en conta este día. De feito, a pirámide do Sol de Teotihuacán (erixida entre os anos 50 e 200 despois de Cristo) está orientada de xeito que o sol se pon exactamente fronte a ela no solsticio de verán, e celebrábanse nela rituais ao culto solar para que o lume axudase a ter boas colleitas.
Solsticio hindú
Para os hindús, o solsticio de verán representaba a vía dos devanceiros, o pitri-yana, que conducía ao interior das persoas. As súas cerimonias eran oficiadas por xamáns que, durante os rituais, dicían que podían ler o futuro nas lapas. As cinzas das fogueiras do solsticio eran gardadas todo o ano.
Os cristiáns celebran o 24 de xuño a fogueira de san Xoán na honra do santo pese a que o solsticio é o 21. Na súa orixe foi unha adaptación do culto pagán ás ensinanzas da Biblia, que se baseaban na gran fogueira que acendeu Zacarías despois de que nacese o seu fillo Xoán e que saltase por riba das lapas recitando cánticos de loanza a Deus para anunciar a boa nova.
As interpretacións son infindas e a festa foi tomando nomes diferentes noutras moitas culturas de antigüidade, celebrándose ata hoxe.
A fogueira é unha adaptación do culto pagán ás ensinanzas da Biblia FOTo SIMÓN BALVÍS