As galas do poder

FIRMAS

01 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Adán por facerlle caso e Eva por provocar, foron expulsados do paraíso con cadansúa folla de vide entre as pernas. A pobre da muller era acusada polo esposo de ser unha egoísta por mor do que perderon tanto ben e tanta fartura, e o marido sinalado por ela de ser un guiadiño sen ambición; e non acabaron en divorcio porque non tiñan máis onde escoller. Xa daquela, el tivo que aprender a manexar o sacho e ela a fregar os pratos. Tal así, que a primeira borracheira de pracer que tomaron nosos primeiros pais, rematou cunha resaca de frialdade matrimonial. E foi entón cando Eva inventou o vestido. Enlazou distintas follas, deulle formas que resaltaban o mesmo que tapando acentuaban a curiosidade de quen tal vía. Por iso, despois de Caín, a fábrica fecundativa non parou.

Contrariamente ó que moitos pensan, que foi por motivos de frío e calor que se inventaron as roupas, Xulio, o noso intelectual barulleiro, asegura que as primeiras prendas foron unha necesidade de engalanar os corpos para crear desexo no que doutro xeito só sería unha cotianeidade, para incitar a descubrir o que aquelas prendas agochaban. ¿Que pracer non hai maior co de desvestir o corpo desexado?. (Dío el e eu escoito).

Pero Xulio, que trata de razoalo todo, tamén pensa que aquel primeiro cazador que se vestiu coa pel dalgún animal, non o facía para taparse do frío, e menos aínda por pudor, senón para amosar e presumir do forte, valente e rico en posesións que era; porque daquela, a pesares de todo o que se diga, os nosos antepasados tamén eran cobizosos do que tiñan e do que podían ter, presumidos e ata presuntuosos, e así, aínda que non andasen todo o día co de «Quiño, quiño, quiño, quiño», gustáballes chegar á aldea amosando todo o conquistado ou acadado, como se fosen as galas do poder, poñendo ben á vista de todos o seu bo facer ou o bo partido que o tipo era para calquera moza. Aqueles non se distinguían moito do presuntuoso rapaz de coche vermello convertible ou do de zapatos e chándal con etiqueta de exclusividade, tal insignia de heroe. E por un home tan prometedor, todas as tipas da aldea se derreterían como sebo de galiña; pero habendo tantas belezas e non tan belas perseguíndoo, amosando os dons con que a natureza as favoreceu e distinguiu na múltiple variedade poboacional, ¿en quen se ía fixar el?. Pois naquela que, sen amosar, provocaba curiosidade. Inventouse a capa que todo o tapa, e aí naceu a alta costura, e non nas pasarelas de Milán, París ou Cibeles.

Así naceu tamén o contaxio da emigración, cando chegaban aqueles primeiros emigrantes de traxe e zapatos relucentes ó peirao, na hora en que os pescos baixaban as patelas de sardiña, cheos de escamas, saín, suor e cansazo, remendados, descalzos e sen un pataco nos petos, que miraban a aqueles con quen compartiron xogos e arelas infantís poucos anos antes, e agora daban a hora cun reloxo de peto protexido por leontina de ouro ou cun singular movemento de brazo e pulso, enmascarando, con ese traxe de peto interior onde gardar a carteira, as desventuras que se corren mundo adiante, mentres invitaban a todos os seareiros da taberna sen exclusión. E o pesco suado e cansado, miraba envexoso para o veciño amigo, «faime un sitio do que sexa, aló onde ti andas».

Iso é a alta costura e iso é o traxe novo e iso as galas, unha máscara que invita a quen tal ve a conquistar os tesouros que agocha.