Andando por terras de Ourol, ó sur de Viveiro, encontramos unha fonte datada na Segunda República, cunha placa de dedicación á nai do construtor, quen asemade aproveita para facer unha proclama exhortando a coidar dos pais, educar ós fillos e amar o traballo. Supoño que era empresario o promotor de tal obra, porque a ningún currante con dous dedos de fronte, se lle ocorre amar algo tan duro como o traballo; mais o empresario ten que exhortar, predicar e esbardallar para convencer á masa proletaria. Está no seu dereito, e ben sabemos que non é o mesmo mandar ca obedecer. Amar o traballo non é doado, e menos agora que estamos volvendo das vacacións, que vimos de estar tombados nunha praia, libres de reloxos e compromisos que nos embarullen a cabeza, aínda que nos parladoiros praieiros sempre acabamos facendo algunha referencia ó choio propio ou alleo. Un mes de vacacións non dá para moito, e menos dá para despexar a cabeza. A min gústame o meu traballo, pero non o amo, porque un traballo pode ser soportado e respectado por ser un medio de subsistencia, querido como un remedio para curar as necesidades vitais e ata estimado pola solvencia que dá, e defendido a capa e espada por quen o ten, pero daí a amalo vai un abismo. Podes querer, coidar e preocuparte polas galiñas que che dan ovos, pero se alguén me di que as ama eu mandaríao ó psiquiatra.
Unha nai de crianza de sete anos dinos que lle preocupa moito que o seu neno, xa antes de agosto, empezou a botar de menos o colexio, como se a praia e o xogo despreocupado o aburrise. Póñome no caso e temo un desequilibrio emocional no cativo. Un mozo recén saído da universidade maniféstame a súa felicidade porque vai empezar a facer prácticas neste mes de setembro, e enténdoo, comparto a súa alegría e felicítoo. Un amigo adicto ó traballo acabou os últimos días de agosto expoñéndonos o seu plan de actividades laborais a tres meses vista, e creo que o estrés non lle saíu do corpo despois de trinta tardes de sol e outras tantas mañás de durmir ata as once. Querer, amar, preocuparse e apreciar non son sinónimos.
Discutíamos disto este verán, cando nos chega a noticia dun mozo de vinteún anos, alemán e bolseiro, que por facer méritos estivo ó pé do canón setenta e dúas horas sen descanso, e cando por fin chegou á casa e se meteu baixo unha relaxante ducha, deulle un ataque epiléptico e morreu. E agora felices todos, que xa se preparou o camiño para que un currante entre e saia das oficinas do INEM coma quen anda de viños sen sede nin compaña. Non creo que os trinta e un agraciados co boleto dun emprego, que nos deixa o balance do mes de agosto, por moi contentos que estean acaben gravando na pel do peito un corazón saetado: «O meu traballo e eu». Como tampouco creo que os case cen mil cotizantes menos da Seguridade Social estean moi felices coas perspectivas de futuro que lles agardan arrastrando maletas mundo adiante.
Amar o traballo é de masoquistas, querelo unha necesidade, defendelo unha obriga; e máis agora, cando un posto en calquera empresa é unha rifa de tómbola, onde, as máis das veces, o premio gardo non é máis ca unha pepona que acaba tirada no faiado.
Certamente, tal e como están as cousas, é de pouco sensatos non respectar o posto de traballo e non esforzarse por facelo ben e cumprir honestamente co deber de cada un, pero asemade, penso que é de enfermos iso de amar o traballo.