Durante catro meses, media ducia de científicos da NASA estiveron encerrados en Hawai, baixo un proxecto denominado Hi-seas, un acrónimo que vén significar algo así como «analoxía e simulación da exploración espacial desde Hawai». O asunto está relacionado coas viaxes interplanetarias e máis concretamente coa cada vez máis próxima misión tripulada a Marte. Trátase dun proxecto no que seis tipos con moitos estudios en ciencias físicas e culinarias, se encerraron para probar que tal se lles dan as relacións persoais coa cociña de por medio, cando non se pode ir á tenda da esquina nin hai unha previsora veciña que che preste un pocillo de aceite.
Con todas as reservas que me son pertinentes, cría eu que lles bastaría con chamar ó meu veciño Pedro, que foi cociñeiro durante toda a vida no Gran Sol, para que lles contase como son este tipo de relacións, pero os entendidos asegúranme que o experimento hawaiano nada ten que ver nin coa mediación responsable dun cociñeiro experto, nin cunha festa como a que o amigo Afonso organiza de cando en vez nos lugares máis inesperados e exóticos da nosa xeografía, para probar a tortilla de Betanzos, os poliños de Guntín ou a androlla de Navia, onde sempre acabamos amando o mundo, perdoándonos as faltas, confesándonos os pecados e solucionando calquera problema que se nos poña por diante.
Aquí trátase de que a responsabilidade de satisfacer o bandullo sexa compartida, porque os da NASA descubriron que cando media un cociñeiro encargado e responsable da alimentación dun grupo embarcado no medio do mar ou do espazo, o home nunca o fai ó gusto de todos, sempre falta sal para uns ou ten demasiado para outros. E tamén saben que, comer por rutina e con libro de instrucións, como facían ata agora (abrir bolsa dez segundos, microondas dous minutos, engulir quince minutos), non ten graza e menos aínda cando, despois do café, hai que poñer a funda de traballo e saír correndo cos cinco sentidos para que a nave non se perda na inmensidade.
Os da NASA están convencidos de que diante dunha boa mesa medra a cordialidade. Non hai reunión de xefes de Estado, grandes ou pequenos, que non remate pedíndolle un ó outro un anaco de pan para mollar sopas antes de asinar a paz. O galano máis común das tribos descubertas polos conquistadores, era acoller ós recén chegados cun bo mantel aínda que fose de folla de palma, e a pesares de que antes da sobremesa o forasteiro xa lles amargara a dixestión. Aínda así, é crenza xeral que quen inventou a mesa inventou a confraternidade, e iso que xa o dicían os invitados de Cicerón, queren aproveitalo os da NASA, pero coa variante de que todos poñan o mandilón, conscientes de que os problemas que se dan entre os grupos humanos condenados a unha prolongada convivencia, resólvense mellor coa distensión do «¿que faremos hoxe para comer?» ca co clásico «sempre comemos o mesmo». E xa que nunha viaxe de medio ano cara Marte non hai restaurantes na rota, onde facer unha paradiña para esparexerse, o máis importante vai ser meterse entre potas e compartir labores. Incluso competir por ver a quen lle saen mellor os ovos fritos, protestar pola falta de sal no peixe ou porque o asado ten demasiado chile, e brindar por todo iso.
Que lle falen desta experiencia ó meu veciño Pedro, a quen nunca lle deron un parabén por moito que se esmerase.