Airiños presentará en Rianxo o espectáculo co que conmemora os seus 80 anos en novembro

Ribeira / La Voz

BARBANZA

14 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Oitenta anos non se cumpren todos os días, e menos se do que estamos a falar é dunha compañía de teatro afeccionado. Por esta razón, o grupo rianxeiro Airiños, decano da escena galega, quere festexar por todo o alto o seu aniversario, e ten preparado un gran espectáculo que se estreará en Rianxo no mes de novembro.

O centro social da Ramallosa, no concello de Teo, terá a honra de ser escenario, a vindeira fin de semana, da preestrea de Cabaré dos 80... anos de Airiños, a montaxe coa que a compañía dirixida pola rianxeira Esther Carrodeguas quere levar ao teatro a súa propia historia. É moita a vida que ten ás súas costas a compañía, e no resumo que propón ao público teñen cabida momentos históricos, as anécdotas máis divertidas e escenas que son xa clásicas. A receita deste espectáculo complétaa o anuncio de sorpresas inesperadas. Para poder ver o resultado, os rianxeiros terán que agardar ao 8 de novembro, e haberá unha segunda función ao día seguinte. Serán no auditorio municipal e a hora aínda está pendente de confirmación.

Amplo elenco

Para a posta en escena do Cabaré dos 80... anos de Airiños, Carrodeguas conta cun amplo elenco formado por máis de vinte actores. Algúns case históricos, coma Xesús Santos ou Segis Zúñiga, e outros máis novos coma Xián Iglesias.