Sesión de cine

FIRMAS

17 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Gústame o cine, comparto gustos con moitas persoas, incluíndo a algún crítico, pero debín quedar algo anticuado. Comprobeino cando, atraído por un título que encaixa perfectamente cos meus gustos e intereses, pois que facía referencia a uns textos etnográficos de Caro Baroja, e que non vou citar para non facer propaganda, atopeime diante dunha estupidez sen nome. Era unha película de estreo que aparecía con tres estreliñas nas carteleiras do xornal (hai que ver o servilismo con que certos pseudoentendidos tratan ós famosos), e iso, xunto coa atraínte referencia titular xa era razón suficiente para facerme alixeirar a carteira e sacar unha entrada.

Cando empezou a proxección, cun ritmo trepidante e ambientación fóra do esperado, onde os agardados traxes medievais eran coiros de motorista e as aldeas vascas se converteran na populosa Porta do Sol madrileña, cheguei a levantarme da butaca para ver se era que me confundira de sala. Xa se sabe que, como nestes cines modernos, que sempre van por diante en todo, os recortes de persoal adiantáronse á crise, sen un acomodador, azafata ou bedel que oriente, o espectador ten plena autonomía para confundirse de localidade, onde sobran sitios por desgana do público, e para os que somos despistados por natureza sempre nos persegue a dúbida de se non nos equivocariamos de sala. Pero non, estaba na sala adecuada e na butaca asignada, así que dei en pensar que aquilo podía ser un recurso introductorio para logo pasar ó tema que lle daba título e non era outro máis ca un famoso proceso inquisitorial da Baixa Idade Media.

O trepidante ritmo mantenme atento a un espectacular asalto a man armada, e incluso me fai esquecer a idea preconcibida sobre o suposto tema. Un ritmo durante o que se dan a coñecer os personaxes e as absurdas razóns de cada un para executar aquel desproporcionado barullo. Pero a partir dese momento xa todo empeza a volverse previsible, demostrando que ós guionistas acabáronselle as ideas en poucos folios, e o único efecto sorpresa que souberon argallar foi titular enganosamente, limitándose desde ese intre a coller retallos que funcionaron algunha vez nalgunha actuación de chistosos para aplicalos a este conxunto de absurdos que, por manidos, coñecidos e previsibles non fan graza; aburríndome de tal maneira que, por mor da escuridade engadida da sala acaban por pechárseme os ollos. Aínda así non me rindo, e de cando en vez conseguía forzar as pálpebras, caídas como persianas oxidadas, intentando coller algo da trama, pequenas partes, anacos sen argumento e fóra de contexto que evidentemente non entendo. O soporífero efecto das escenas pode máis ca min e quedo durmido a pesar dos ruídos, golpes, berros e fanfarras da banda sonora.

Non sei canto tempo estiven así, pero lembro que debía ter un soño sonoro, pois o veciño de asento sacudiume cando roncaba, e tamén que vin pasar a sombra dun mozo arrastrando unha bolsa de botes baleiros de refrescos e cartuchos de flocos de millo, ata que alguén chegou, me tocou case con medo e me dixo, «Está vostede no meu sitio». Era un mozo que viña para a seguinte sesión.

Unha semana máis tarde leo a noticia de que esa foi a película con máis recadación da semana, e eu comprobo, unha vez máis, que non entendo de cine, ou alomenos que os meus gustos non son compartidos pola maioría.