![](https://img.lavdg.com/sc/OLfeKHmRc_1jQ6r-9ks1eNqI2_g=/480x/2013/12/16/00121387225623059893399/Foto/.jpg)
Ten afeitos aos veciños da bisbarra a convocar unha cita cada último venres de mes, pero Barbantia fixo un cambio con motivo das festas de Nadal. Adiantou a súa chamada cultural e fíxoa coincidir coa entrega dos Sereos, que foron a parar ás mans do historiador Manuel Mariño del Río, da escritora Aurora Marco e da presidenta de Ambar, Milagros Rey. Eles foron os protagonistas da foto de familia da xornada, na que tamén estaban, por parte da entidade cultural, Xesús Laíño, María Xesús Blanco e Manuel Cartea; e, por parte do Concello anfitrión, Outes, o seu alcalde, Carlos López Crespo. Ata esta localidade tamén se desprazaron os rexedores de A Pobra, Isaac Maceiras; Rianxo, Adolfo Muíños; e Lousame, Teresa Villaverde.
Dous rianxeiros cobraron un protagonismo especial na gala. A actriz e directora de Airiños, Esther Carrodeguas, foi a encargada de presentar o acto; mentres que o artista Che Tembra sorprendeu a gran familia de Barbantia facéndolle entrega dun agasallo: un Sereo feito con refugallos de metal.
Como ven sendo habitual, a cita convocada por Barbantia congregou a un número importante de veciños vinculados ao mundo da cultura. Déronse cita en Outes, entre outros, os historiadores Xesús Santos, Maxi Olariaga e Xerardo Agrafoxo; o escritor Antón Riveiro Coello e o artista Alfonso Costa. Foi un día grande, no que a cultura volveu a escribirse con letras maiúsculas.