Todos sabedes a historia daquel pesco que chegaba cada tarde coa súa pateliña ó peirao, vendía o sobrante, tomaba uns viños cos amigos, botaba unha brisca, e disfrutaba da familia. Un pesco tranquilo, a quen un banqueiro de vacacións lle ofreceu asesoramento para sacarlle máis proveito ó seu traballo: Se vostede emprega media hora máis pode pescar máis, e co sobrante gañar para un barco maior que lle permita aumentar a pesca. «¿E para que?», pois con ese aumento poderá aforrar ata ter empregados traballando para vostede. «¿E daquela que fago eu?», pois vostede pode dedicarse a estar coa familia e cos amigos, botar unha brisca e pescar sen a presión do mercado. «Pois iso é o que fago agora».
A felicidade e o modelo de vida ten tantas caras como persoas, e como di Xulio, non esquezamos que a prosperidade e o benestar non son un soño exclusivo de ninguén nin de ningures. Non hai terras prometidas, senón conquistadas. Non hai terras mellores ou peores, senón persoas que se adaptan ó terreo e ás circunstancias. Nin é mellor labrego quen sementa en terra de auga co que prepara socalcos na montaña. E sexa como sexa, en ningures dan pan por durmir e non se conforma quen non quere.
Contábame un amigo de cando o seu fillo estivo estudando unha enxeñería en USA, e en certa ocasión, vendo nos planos que un compañeiro debuxaba unha liña errónea fíxollo ver, e a cambio conseguiu a inimizade daquel, non sabemos se por envexa de sapiencia ou por orgullo, aprendendo desde ese intre que aquela non era unha clase para aprender senón para competir. Tamén me ten comentado o pai deste rapaz, falando das oportunidades aquí e acolá, como despois de patear o terreo chegamos a convencernos de que o país das oportunidades non é tal por facilitarche as cousas, senón por unha constante pelexa entre competidores onde uns trunfan e falan marabillas e outros van tirando e calan as súas impotencias. E non cremos que ese tan traído e levado soño americano sexa diferente do soño galego, chino ou ruso que pode traer un exiliado económico do corazón de África ata este país dos seis millóns de parados, porque á fin o soño de todos é prosperar, destacar e medrar, e ese afán dáse tanto aquí como alí como no valado de Melilla. Outra cousa é confundir os logros coa depredación baseada na cobiza e no individualismo. Non temos máis que ler a Steinbeck para decatarnos de que tampouco nos Estados Unido, na terra das oportunidades, as persoas son diferentes das do resto do mundo, que alí hai uns ós que lles vai de marabilla e outros que non saen do pozo nin a tiros, que as diferenzas sociais son abismos insalvables e que a tal oportunidade está limitada por estados, razas e familias. Non hai grandes diferenzas. Só hai que ler a prensa diaria de calquera país para ver como o emprendedor triunfante aquí ou acolá vén sendo un depredador de mercados, un arroutado, un vendedor de fume ou un amigo dos poderosos. E asemade, mentres o emprego en Galicia é tan difícil que quen vai ó paro xa está condenado ó ostracismo, aló en USA de quen vai ó paro din que é porque quere cambiar de aires; o que non sei é o valor que ten para un director de recursos humano un currículo cheo de cambios, o que aquí chamamos andar a «esta casiña bota fume». E mentres noutros países hai un sentimento de orgullo polo que son, aquí invádennos todos os medos e vergoñas; por iso, como di Xulio, eu tamén penso que o que un é está máis relacionado co que el mesmo se cre ca co que realmente é.