Da bulla ó escapulario

Francisco Ant. Vidal< / span> LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

30 mar 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

Despois de ver a película Agosto baseada na peza teatral de Tracy Letts, e na que Meryl Streep e Julia Roberts fan un traballo espléndido sobre a relación dunha familia actual de Oklahoma, rodeada de grandes secretos e tensións emocionais, que por outra banda non se distinguen moito do que pode pasar en calquera lugar de Galicia, Zamora ou Valencia, sentín a necesidade de mercar o libro, porque xa se sabe que a linguaxe cinematográfica non é a mesma ca literaria, aínda que esta estea no formato dramático. E como non son crítico nin analista de ningunha das ramas citadas, permitide que me limite a dicir que quedei plenamente satisfeito de pagar o que paguei, tanto pola entrada de cine como polo libro.

Pero se traio este preámbulo non é para falar de cine nin de literatura, senón para contar como sempre, en todos os camiños que andamos, agochado onde un menos o espera está agardándonos algunha sorpresa que axuda a enriquecer a nosa andaina vital, e neste caso foi o de encontrar na peza teatral unha escena que non aparece na película, onde unha rapaza fala coa criada da casa, unha india de orixe cheyen, que leva pendurado do pescozo unha bolsiña con forma de tartaruga, e cando a adolescente lle pregunta que é, ela explícalle que se trata dun amuleto protector que os da súa etnia usan, con forma de tartaruga o das mulleres e de lagarto o dos homes, onde se garda o cordón umbilical, que deben levar sempre, pois de perdelo tamén se perden con el as raíces e a súa alma vagará pola terra sen encontrar repouso.

É sorprendente como este mesmo elemento protector, con variacións segundo a época e o lugar, atopámolos entre pobos tan dispares e arredados dos indios americanos como os xudeus, os árabes ou distintas tribos africanas.

Tamén na Roma imperial os rapaces e rapazas portaban a bulla, unha especie de escapulario que colgaban do pescozo, e onde se gardaban diversos elementos simbólicos protectores contra o meigallo, entre os que non faltaba a imaxe dun falo, de metal precioso ou de barro, segundo a economía familiar. E estas bolsas, cando os rapaces alcanzaban a maioría de idade, ós dezasete anos, antes de vestir a toga viril, durante as festas de marzo dedicadas a Liber e á xerminación da primavera, eran ofrecidas a Hércules ou a Xuno segundo fose neno ou nena o oferente. Dicir que para os romanos daquel tempo, a toga viril viría a ser, simbolicamente, o mesmo ca para un mozo de hoxe vestir o traxe negro da súa primeira noite de fin de ano.

O uso de amuletos protectores da infancia, como dixemos, é común a moitos pobos en todos os continentes, sen que, aparentemente, houbese unha liña de comunicación entre eles, pero noutros casos podemos rastrear esa liña que, desde a bulla romana, chega o escrito que os rapaces galegos levaban ata non hai moitos anos, desde o momento de nacer ata a pubertade, asemade consistente nunha bolsiña onde se gardaban distintos elementos protectores: o cordón umbilical, un dente de ruda de catro puntas, un dente de allo, un anaco de estola e un anaco de folla de libro sagrado, na seguridade de que con tal amuleto prendido na roupa interior, o neno ficaba libre dos males e enfermidades que atacan á infancia. Amuletos protectores dos que, talvez o máis simple sexa o escapulario carmelita, consistente nun anaco de hábito da orde, suficiente para que a Virxe do Carme se acorde de rescatar das penas do purgatorio a quen o leva.