Que me preocupa a deriva fascista que se ve en distintos países deste e do outro hemisferio, non lle vai estrañar a ninguén. E que desta deriva me dea máis medo a semellanza que ten co ocorrido nos anos trinta do pasado século, tamén o pode entender calquera lector desta columna.
A crise do ano 29, provocada polo pánico e a venda nun só día de trece millóns de accións así como pola esaxerada baixada dos prezos dun día para outro, foi, segundo os analistas, debida ó rápido crecemento económico producido tras a primeira guerra mundial e a procura de grandes beneficios en pouco tempo, o que facía que moitas accións estivesen sobrevaloradas, creando unha burbulla que acabou estoupando. E tamén daquela, os donos dos cartos, os bancos, comezaron a esixir a devolución dos préstamos, a presionar sobre os debedores e a aplicar as cláusulas dos seus contractos con estrema rixidez, obrigando nesa cadea a vender accións quen as tiña, a retirar activos quen podía e finalmente a provocar esa crise que asustou ó mundo. Logo vén o que todos sabemos: o discurso fácil dos políticos. Países cunha forte industria, tratando de evitar o paro, idearon todo tipo de medidas, Stalin colectiviza a terra, Roosvelt promulga a nova distribución do terreo, pola que lle ofrece ós parados terras baixo a promesa de que limitarán a produción para non saturar o mercado e en Alemaña o discurso fácil de Hitler permítelle gañar as eleccións e comezar unha carreira armamentística baixo a promesa de fomentar a industria e evitar o paro entre os alemáns de pura cepa.
Feito este resumo e salvando as distancias que todos coñecemos coa actualidade, o que se está vendo en Europa é para estar preocupado. O avance de partidos populistas e de discurso fácil, xenófobos, integristas e claramente opostos a toda vía de entendemento co resto das forzas políticas, é alarmante, e todos temos a esperanza de que só sexa un descontento pasaxeiro pero que pronto se resolverá pola vía do sufraxio a nivel local.
Mais agora unha nova preocupación debe ternos a todos alerta no outro hemisferio, e é a proposta da presidenta arxentina Cristina Fernández de crear unha Secretaría Estratéxica de Pensamento Nacional, algo que me cheira a aquela materia que tiñamos os da nosa xeración, chamada Formación del Espírito Nacional, onde nos ensinaban que nos eramos únicos e o resto do mundo unha caterva de demoños que nos asolaban. E é alarmante que o escollido para dirixir esa secretaría sexa un filósofo que se fixo famoso a través de programas de televisión, por se a facilidade de palabra prevalece sobre o pensamento. Un filósofo que no periódico Clarín se presenta como unha persoa que batallou por darlle relevancia á construción de foros e debates sobre as grandes tradicións ideolóxicas e políticas, tanto de Arxentina como do resto da América Latina. É evidente que, mentres non haxa unha actividade que valorar só podemos agardar que sexa certo e se cumpra o que promete, tal é o de estreitar lazos con políticos e intelectuais doutros países da rexión, xa veremos con que clase de persoas e tendencias prevalecerá o contacto, para que non sexa certo iso que el mesmo trata con ironía cando o catalogan de favorecido do réxime cunha oficina que se semella máis a unha secretaría nazi, tanto no nome como nas formas, recoñecendo, sen citalas, que na historia Arxentina houbo correntes que lle fixeron un enorme dano ó país.
Sigo pois preocupado porque esta crise, nacida, como aquela do ano 29 da especulación e xestionada pola banca, non nos estea levando polo discurso fácil das ditaduras, da xenofobia e do chauvinismo.