Camiñando Nerón polas rúas de Roma escoitou os berros dunha muller que estaba parindo, e el, acostumado desde neno a gozar de todos os caprichos imaxinados sen saber o que era un lamento, non era quen de entender como alguén podía sufrir tanto, reuniu ós seus médicos co fin de probar en si ata onde chegaba a dor do parto.
Advirto ós lectores que esta lenda recólloa do freire dominico xenovés Santiago de la Voragine, para quen as máis fantásticas historias relacionadas con santos e non santos son narradas con carta de credulidade, e en todas se xustifican os máis estraños actos cando son executados, inspirados ou promovidos por xente da Igrexa, mentres que as mesmas obras e milagres son inspiración do diaño cando as executan persoas alleas á mesma.
E conta este freire como os galenos, ante tal petición, se viron obrigados a argallar algún truco que o convencese de que realmente estaba preñado, facéndolle tragar unha cría de ra, de maneira que esta, dentro da barriga do emperador, que había de seguir unha dieta especial, engordase, e cando a inchazón do ventre era tal que non soportaba a dor, o mesmo Nerón pediu que lle acelerasen o parto, e por medio de purgantes expulsou a ra envolta en sangue e outras substancias de aspecto tan noxento, que mandou desfacerse dela sen pararse a contemplar o aspecto real do batracio.
Fantasías aparte, a idea que todos temos de Nerón é a dun déspota, caprichoso, energúmeno, covarde e non sei cantas cousas máis, ata o extremo de mandar matar a súa nai para saber como era o lugar no que el estivera antes de nacer. Ata lle poñemos cara, con rostro de Peter Ustinov, de mirada avesa, cantando sen graza mentres Roma arde, rindo mentres os leóns devoran a un inocente cristián, ou mirando a través dunha lente tinxida de vermello, tal un moderno espectador con impertinentes, un espectáculo de danza mentres argalla algunha das súas atrocidades.
Hoxe sabemos que esa idea que temos de Nerón está moi desvirtuada pola historia escrita, precisamente, polos seus inimigos, xa fosen cristiáns ou simples opositores ó seu goberno, así como polas películas de Hollywood, que tratan de amosar ó malvado e egocéntrico déspota que todos soportan e adulan, nunha sociedade pasiva e conformista. Certamente, Nerón non tivo sorte cos cronistas da súa época, e raro é quen fala ben del ou que ó menos desculpe a súa maneira de actuar, por iso a historiografía actual trata de encontrar a verdade na análise das circunstancias que rodean a vida deste personaxe que, nembargantes, era moi popular entre o pobo romano, a pesar de verse no medio das disputas entre súa nai Agripina e o seu conselleiro e filósofo Séneca, por urdir todo tipo de maquinacións ás súas costas, e polo que acabou con ambos axustizados por alta traizón, un emperador que fomentou a diplomacia co fin de asegurar a paz con outros países con quen necesitaba comerciar, rebaixou e ata eliminou os impostos ás naves que traían a Roma produtos de primeira necesidade, protexeu e fomentou as artes, e ata se di que, contrariamente a iso que se conta, socorreu ás vítimas do incendio de Roma co seu propio tesouro e abrindo as portas do palacio propicioulles un refuxio mentres se reconstruía e se planificaba unha cidade máis moderna e segura.
En fin, que con Nerón, que tampouco era ningún santo, pasa o que tantas veces nas crónicas, que dependendo de quen as escriba así se retrata ó personaxe.