«Ver que podía axudar á xente foi o que me motivou»

antón parada / m.?x.?b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A moza, que participou no grupo de apoio en Angrois, leva un par de anos á fronte do colectivo de voluntarios

13 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O equipo de voluntarios de Protección Civil de Porto do Son conta desde o 2012 con Laura Sampedro Ponte como responsable. Esta profesional de 25 anos, compaxina o seu labor altruísta con outros traballos sempre e cando lle é posible.

-¿Por cantos integrantes está formado o equipo que coordina?

-O equipo consta de 16 voluntarios, pero oscila entre oito e nove habituais. Cada un apúntase ao operativo que máis lle gusta, pero non sempre veñen todos. A partir do 2010, hai un grupo de sete persoas que participan sempre seguro. Teñen unha media de 20 anos e traballamos nun ambiente moi correcto. Máis vale poucos e bos que moitos e malos.

-¿Que tipo de formación posúe?

-Teño os cursos da Academia de Seguridades Públicas: prevención de riscos laborais, contra incendios, de emerxencias...

-¿Que a levou a sumarse ao voluntariado?

-O non facer nada durante unha época e ver que desde este equipo podía colaborar. Ver que podía axudar á xente, foi o que me motivou.

-¿Como é o seu día a día?

-Levántome e vou ao Concello para comprobar se hai solicitudes de preventivos. Se as hai, organizo o dispositivo cos compañeiros. Despois falo cos socorristas para saber se precisan algo ou dispoñen do material necesario. Entón, pasamos a facer unhas roldas polas praias e analizamos a afluencia de bañistas. Por último, volvemos ao centro para seguir coas tarefas de prevención se as houbera.

-¿Cambia o traballo coa chegada do período estival?

-Na tempada do verán sempre aumenta. Durante o inverno estamos pendentes do mal tempo. Estes meses dedicámonos ás praias, a vixiar o risco de incendios, accidentes de tráfico e solicitudes do Concello como dirixir o tráfico ou organizar a seguridade durante festas e procesións.

-¿Este aumento está relacionado coa visita dos turistas?

-É un dos principais motivos. Os turistas non evalúan o risco nas praias.

-¿Algún caso particular?

-O ano pasado, por desgraza, tivemos un afogamento na praia de Espiñeirido. Neste caso é unha das que están máis lonxe e o acceso é complicado. Non hai socorristas e é frecuente que rouben os aros de salvamento. Nós poñemos máis precaución aquí e en Xuño, pasamos dúas veces ao día pola súa perigosidade.

-¿E lembra algunha anécdota curiosa?

-En dous días tivemos catro visitas do helicóptero. Foi o mesmo día do afogamento en Espiñeirido. Primeiro foron alí, despois houbo un ataque epiléptico en Caveiro e máis tarde un veciño chamou ao 061 para acudir a un domicilio. Foi un ano raro.

-¿Que foi o que máis lle marcou traballando en Protección Civil?

-Participamos nos grupos de axuda do accidente ferroviario de Angrois. Fomos cinco, moitos querían ir pero non se vían capacitados. Non sabíamos o que nos atoparíamos, pero se che din que descarrilou un tren, imaxinas o peor. Non dubidei.

LAURA SAMPEDRO xefa de PROTECCIÓN CIVIL EN PORTO DO SON