Foros e aforados

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

21 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que o aforado sen deixar de ser labrego, plebeo e machacaterróns, tiña unhas fincas prestadas pola Igrexa ou polo señor da bisbarra para disfrutalas a cambio dunha boa parte de cada anada. E hoxe en día, cando dábamos os foros por abolidos, o aforado renace como un privilexiado acomodado ás máis altas estancias do poder, sen ter nada que ver con aqueloutros. E se aqueles tiñan que responder do bo uso das terras estes non sempre o fan das súas responsabilidades.

Os foros dun aforado actual, que deberían estar ben definidos en calquera libro de primeiras palabras: limitados por razóns de cargo, circunscritos ó cargo e polo tempo que dure o cargo co fin de protexer contra as malas intencións dos desfavorecidos, rancorosos, opositores ou inimigos naturais, esténdese como un privilexio para protexelos máis aló das súas funcións contra as atrocidades, atropelos e abusos de poder que eles mesmos poden facer, propoñer ou executar, sen entender que fóra do foro correspondente e os seus límites, o aforado é un cidadán cos mesmos dereitos e obrigas ca calquera outro, entendendo, como Xulio me explica, que o aforamento ha de amparar pero non eximir de responsabilidades.

Admítese que un tribunal específico que entenda deses asuntos debe estar pendente para que o aforado non se ampare no seu status co fin de cometer calquera amoralidade, e tamén para que este non sexa o país das vinganzas persoais; de tal maneira que cando deixa de ostentar o cargo ou se move en ámbitos que non se relacionan co mesmo, pasa a ter os mesmos privilexios e deberes que el lexislou para o resto dos mortais, sexan estes súbditos ou cidadáns. Daquela, ¿a que lle ten medo un aforado, para non querer deixar de selo?. ¿Por que se lle permite adscribirse ó Senado ou acollerse a un estatuto especial para evadir a xustiza?. ¿Témelle ós pecados cometidos fóra dos eidos da súa función ou ós que poida cometer no futuro?.

Sabido é que un presidente do goberno, polo seu labor, pode sancionar unha lei que non favoreza a unha parte da poboación, e tamén que os desfavorecidos teñen dereito a reclamar; pero ó mesmo tempo, dada a condición do gobernante, enténdese que tal acto non se pode xulgar como un delito ordinario, porque daquela calquera nova do BOE podería ser levada ó xulgado de garda, como tampouco se entende que se esa mesma persoa, abusando do seu mandato, se apodera de bens alleos, usa do nepotismo, fomenta a prevaricación ou executa un certo dereito de pernada, non deba de ser xulgado coma calquera outro delincuente. Á fin todos somos iguais ante a lei e o lexislador debe ser o primeiro en amosalo, consciente de que, aínda que a inmoralidade pode ter perdón e arrepentimento, a ética non ten caducidade.

Dito isto queda claro que o meu amigo Xulio e máis eu non estamos a favor de ningún aforamento fóra das funcións propias para as que foi creada esa figura, como tamén entendemos que ningunha persoa decente anda polo mundo con intención de cometer delito, e polo tanto cando alguén busca un amparo preventivo ou amosa certo temor ó xuízo dos homes, enténdese como unha proba evidente de que o tal ten algo que agochar ou algo pensado para facer ás agochadas. Ou sexa, que non é trigo limpo.

Resumindo, que ninguén, polo simple feito de sentar nunha cadeira do Senado, do Congreso ou do Parlamento (sen nomear máis altas instancias) está exento de responder dos seus actos.