O home que escribe para cambiar o mundo

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e moitos premios o avalan

24 nov 2014 . Actualizado a las 13:02 h.

«Sigo a escribir na construción de castelos no aire para que outros os habiten». Con esta frase describe Antón Riveiro Coello a súa paixón. É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, aínda que o seu romance ca escrita comezou de forma tardía. Tivo que namorarse para descubrir o seu talento e daquela xa cumprira as vinte primaveras. Conta o escritor que sempre foi un neno creativo, pero o que lle interesaba era a música e, máis concretamente, o rock. Cando coñeceu a súa muller e comezou a escribirlle cartas de amor e mesturou nelas os máis fermosos versos. Animouse a presentar un relato a un certame e xa non houbo volta atrás. Dende entón vive para escribir, aínda que o compaxina co seu traballo como funcionario da Administración. «Vivir só da miña paixón é complicado. Gustaríame moito, pero creo que tería que prostituírme e escribir sobre temas máis comerciais que quizás non sexan os que máis me apetecen. Deste xeito non estou tan condicionado polo mercado».

Son moitos os premios que conseguiu nos últimos anos, pero cando se lle preguntan cal é a súa obra máis querida contesta que é moi difícil escoller, como cando a un pai lle preguntan a cal dos seus fillos quere máis. Con todo, se ten que decidir afirma que por Laura no deserto sinte un cariño especial. Foi Premio da Crítica Española, Premio da Narrativa da AELG, Premio Frei Martín Sarmiento e finalista no Premio de Novela Europea Casino de Santiago. Tampouco pode evitar citar Casas baratas, porque é unha autobiografía na que desbordan as emocións.

Asegura Riveiro Coello que o que busca é seducir ao lector, e actualmente traballa nunha novela extensa. Trata sobre as novas xeracións que se atopan cos problemas da crise e que tantas dificultades teñen para acceder ao mundo laboral. A protagonista, unha rapaza de trinta anos, ten que traballar no que pode para sobrevivir. O escritor afirma que aspira a cambiar o mundo con cada letra que escribe, ou polo menos a cambiar algo no lector. Na mesa do seu escritorio hai trinta ou corenta libros e un dous últimos que leu titúlase Instrucións para tomar café.

A inspiración

Non é precisamente na cafeína onde este prolífico creador atopa a inspiración: «Só necesito ter boa saúde e poucas preocupacións; se teño algún problema importante non podo concentrarme». A Antón Riveiro Coello preocúpalle, pero para ben, o proxecto Barbantia que intenta dinamizar culturalmente a comarca. O seu gran reto é escribir a mellor novela do mundo, porque só con esta meta pódense facer grandes obras,

Tamén é amante da música e, como el mesmo explica, «a carreira de artista de rock abortouse o día que a miña compañeira ficou durmida mentres lle tocaba una fermosa canción composta ex profeso para ela». A literatura pasou a estar nun primeiro plano para o autor e grazas a este gracioso episodio hoxe os lectores poden gozar con cada unha das súas obras.

antón riveiro coello escritor