¿Quen pide perdón?

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

30 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre era a igrexa quen perdoaba ou castigaba por mandato divino, con aquela máxima dos seus ministros de «Fai o que eu digo, pero non o que eu fago», e agora semella que é ela quen se pon ó outro lado do confesionario. Ou, para ser máis exactos, pide perdón o Papa e a curia mira para outro lado.

Xa cando este Santo Pontífice escolleu por nome Francisco, a todos nos entrou a dúbida de se era polo de Asís ou polo de Xavier. E tivemos que agardar ás primeiras actuacións para inclinarnos a pensar que, ó menos nalgunhas cousas, ía polo camiño do primeiro, facéndonos temer ata pola súa vida, pois non sabemos canto pode gustar nas altas esferas do poder ese desbaldir caritativo. Ó primeiro pareceunos unha excentricidade de novo rico aquilo de quedar a vivir nunha pensión na vez do pazo papal que tiña á súa disposición, ou cando dixo que prefería usar un R4 e non as berlinas do seu parque móbil. Logo sorprendeunos a todos cando asegurou que o catecismo minte cando di que el é infalible, o que nos deixa as portas abertas para criticalo a pracer, e sen embargo non se nega a falar e discutir de todo e con todos, e para empezar devólvelle a honra a aqueles teólogos que os seus predecesores tiñan condenado ó ostracismo, aqueles da chamada teoloxía da Liberación, poñendo ó home no centro do universo. Tan humano el, que de mozo ata tivo unha noiva coma calquera de nós.

Pero asáltanos unha dúbida e non sabemos se é que este Papa usa careta para agochar outras intencións ou se non sabe a quen se enfronta cando pide responsabilidades contra os excesos habidos no seo da curia, sobre todo desde que se descubriu que hai máis acólitos violados ca castañas en outono. E ata semella que na súa cruzada contra o mal nin necesita luvas nin lle vai faltar tempo para limpar os sumidoiros do Vaticano, usando elementos tan abrasivos que acabará por corroer as mesmas tubarias ata botar toda a porcallada por fóra.

Mais ó lado de todas estas novidades que aproximan a Igrexa ó que sempre proclamou que era, unha igrexa a carón das persoas e dos máis necesitados, está a beatificación dun dos papas máis retrógrados da historia, precisamente aquel que castigou ós teólogos máis avanzados no aspecto social, o que se negou a recoñecer os abusos de pederastia e condenou sen paliativos todos os avances que a ciencia pon ó servizo da humanidade, e ata negando, de feito, os principais acordos e resolucións do Concilio Vaticano II, que se resumían naquela esperanzadora frase tantas veces oída ó profesor de Relixión que tiñamos no Instituto: «Non se pode amar a Deus a quen non ves, se non amas ós semellantes a quen ves».

Pois si, todo aquilo que aquel Concilio propoñía foi pasado polo forro tras o pasamento de Xoán XXIII; pero agora, ¿chegará por fin o humanismo á Igrexa?. Agardemos que si e que non sexa un episodio que nos lembre a caída do Imperio Romano, cando, incapaces de controlar os vastos territorios, os emperadores cédenlle os dereitos de goberno ás tribos bárbaras para que non petasen coas espadas nas portas dos celeiros romanos. Agradécese que tivese a caridade de franquear as portas da Praza de San Pedro para que os indixentes teñan acceso ós baños e ás duchas dos turistas, e parécenos de hipócritas que outros se deiten no chan como se con iso se puidesen remediar os danos causados.

Quédalle moito por facer a esta Igrexa se realmente ten vocación de servizo, pero algo é algo. Agardemos e xa veremos se todo isto é só teatro ou hai propósito de emenda.