«Racismo tamén pode ser que che digan que debes axudar antes aos nenos de aquí que aos de alí»

La Voz

BARBANZA

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:03 h.

Amparo Cerecedo cre que non debería haber escusas para acoller a un neno saharauí. Asegura que só fan falta ganas, porque é moito máis fácil do que se cree.

-¿Cales son os requisitos para poder acoller?

-Ter un fogar no que poida vivir un rapaz. Non se necesita nin sequera unha habitación libre, existen as liteiras para compartir. Tampouco é preciso que sexa unha parella a que solicite a acollida, poden ser solteiros ou viuvos. Desde os departamentos de Servizos Sociais lévase un control para que as familias non sexan problemáticas.

-¿Cantos nenos esperan este verán?

-Confiamos en seguir mantendo as cifras doutros anos, unha ducia estaría ben. Temos a sorte de que o Concello de Ribeira comprometeuse a financiar a viaxe a máis nenos. Facemos un chamamento ás familias para que axuden. Todas as previsións apuntan a que este verán será especialmente cálido no Sáhara e queremos traer a más pequenos para que non o teñan que vivir.

-¿Son no resto de Galicia tan solidarios como en Barbanza?

-O primeiro ano que eu acollín eran oitocentos os que viñan a Galicia, agora son algo máis de trescentos. Aquí o interese parece ir en aumento.

-¿Sufriron os saharauís algún episodio racista?

-Non lamentamos ningún episodio desde tipo, pero penso que tamén o poder ser que che digan na rúa que deberías axudar antes aos nenos de aquí que aos de alí. Moitas das familias que son xenerosas neste programa tamén o son con outras asociacións da comarca. A solidariedade vai por dentro.

-¿Teñen algún problema para integrase nesta cultura?

-Hai de todo, porque hai nenos con distinto carácter, debemos tratalos como a un máis sen distinción. No meu caso podo dicir que Mohamed alucinou cando viu o mar e o primeiro día que choveu quitouse a roupa e saíu fóra a mollarse. O idioma contrólano moi rápido. Están tan acostumados a sobrevivir que se adaptan moi rápido.