Estou seguro de dúas cousas: Que o pequeno Nicolás non é tan pequeno como din e de que tampouco está tan só como nos fan crer. Pero tamén estou seguro de que é un trepas que ía para rei dos pícaros, onde a picardía e os botados para diante sempre tiveron unha peaña onde ser venerados. E claro está que, a miña seguridade non implica certeza absoluta, a pesares de que todos, a estas alturas, xa lle temos posto algún nome con epíteto e apelido incluído.
Foi Xulio quen me fixo ver como, das moitas fotos súas que nos refregan polos ollos só son de importancia capital as tres ou catro nas que aparece sentado a unha mesa de luxosa cobertería, ó lado de ministros e altos cargos da Administración, porque para sentar nesa mesa non só é necesario ser invitado, senón que che digan ó lado de quen te vas sentar. Das outras fotos, estou seguro de que calquera adolescente afeccionado ó fútbol ou á música ten máis albumes cheos de retratos con famosos ca el, porque para esas só hai que ter cara e aproveitar a boa disposición do famoso. Ata no mesmo bica-mans do rei, cando lle chega a vez ó rapazote, Felipe mírao coma se estivese desexando preguntarlle ¿e ti quen vés sendo?. Supoño que non se tardará en saber quen vén sendo na realidade este mociño. Agora si, tamén creo que non andaba só e que era un consentido que se lle foi das mans ó seu Anxo da Garda. Pero ¿consentido de quen?.
Que o servicio de espionaxe español o usase coma quen usa a un aprendiz de mandadeiro, é unha hipótese posible, e asemade o é que pensasen que un rapazote botado para diante sería doado de desacreditar e eliminar en canto non fixese falta. Pero o que asusta nas altas esferas do poder e nos sotos da Administración, é que vaia por aí presumindo de como atúa ó rei vello, a algún expresidente e ós ministros, dos arrevesados e delicados encargos que lle fixeron e do ben que se levaba con políticos e empresarios de pelo en peito, a quen acollía en calidade de «ocupa» nun chalé amoblado para uso privadísimo. E agora que estamos tan embebidos na corrupción, ¿que mellor intermediario ca este trepas que non lle doe a ninguén, para mediar entre o poder político e o empresarial sen lixar as mans?.
A súa ambición e o seu descaro son o produto da imaxe que lle deron os seus maiores, aqueles cos que se relacionaba e lle amosaron cal era o camiño a seguir para chegar a ser algo no mundo, a quen tiña que arrimarse e a quen empuxar. O Nicolasiño este asegura que era quen de reconverter en calefacción central as mesmas caldeiras do Inferno, pero ó final abriu mal a billa e o fontaneiro ficou nun presuntuoso adscrito á división da sociedade en «dos nosos e dos outros», sen deixar de sentirse superior ó resto dos mortais por mor deses retratos que porta na carteira onde outros levamos o carné de identidade ou a cédula de identificación.
Era un vaidoso que ata na maneira de vestir imita ós seus maiores ideolóxicos. E digo era porque neste intre, só é un espantallo asustando á metade da clase política e empresarial do país, porque a estas alturas ninguén sabe o que sabe nin de quen o sabe, nin se é de fiar o que sabe. O pequeno Nicolás é á fin o resume dunha sociedade movida polo medre sen control, polo orgullo desacreditador, pola fachendosa vaidade do absolutismo, que pasará á historia ou ó anecdotario español como o retrato destes anos que nos tocaron vivir, neste país dos pícaros onde, ó final non sabemos quen era máis pícaro, se Lázaro ou cego.