Nin para compartir unha auguiña por Nadal ten tempo o meu amigo Antonio, con quen tantas batallas e botellas compartín. El, o amigo que sempre tiña cinco minutos para quen quixera, agora ten a axenda máis apertada de toda a colla. Cando non é porque ten que recoller ó neto na escola, ha de levar ás netas a música ou a ballet, ou darlles almorzo, comida, merenda e cea. El é un deses medio millón de avós galegos con máis de seis horas diarias dedicadas ó coidado dos netos. Así que, o meu amigo e máis eu só nos vemos polo skype.
Aínda lembro cando me contaba que ía coller o retiro para recuperar o tempo perdido, dedicarse ás súas afeccións e disfrutar dos cativos, que agora se converteron nun traballo a tempo completo, sen paga complementaria e sen horario estipulado. E claro que os netos non son nunca unha carga, que non hai nada como xogar con eles, que xa o di o refrán, que ?quen non sabe dos mimos do avó non sabe o que é bo?, que todo o que se fai por eles faise por amor e ata é pracenteiro e non hai nada no mundo que o pague; pero segue sendo un traballo ou actividade que lle quita de facer outras cousas. E tamén lembro cando o acompañei a mercar a cana de pescar e a roupa de augas, e xa perdín a conta do tempo que levo sen probar un sargo pescado por el nos cantís do Roncudo.
E todo porque a ruín economía na que viven os mozos, obriga ós vellos a complementar as deficiencias salariais e de servizos que a crise, os recortes e a mala conciencia das políticas sociais nos veñen impoñendo.
Porque para min, esa noticia que daba estes días este periódico, que os avós que coidan ós netos lle aforran mil millóns de euros ó ano ós pais galegos, non é un bo síntoma, senón a proba evidente de que retrocedemos nos avances sociais, pois cando o estado non é quen de cubrir as necesidades dos cidadáns e teñen que ser os mesmos paisanos quen busquen os recursos necesarios para saír adiante, quere dicir que algo falla, e para empezar falla que ós xubilados lle quitan o dereito á xubilación, non só polos recortes das pensións ou que teñan que pagar as medicinas, senón porque a abusiva explotación exercida sobre as novas xeracións han de complementalas eles co seu retiro, xa sexa en efectivo, en especie, ou facendo unha labor que é propia de pais e non de avós; e as funcións primordiais de calquera matrimonio traballador, de criar e atender ós fillos, limítanse, na maioría dos casos, a metelos na cama e levantalos con sono para levalos á casa dos avós.
A falta de garderías e comedores escolares que non sexan un luxo, converte á pirámide demográfica nun triángulo invertido, apoiado nun inestable vértice que augura a desaparición de todo un país ó cabo de poucas xeracións, un país que durará o que duren estes vellos na porta da escola.
O amigo Antonio sempre foi persoa con iniciativas, que en certa ocasión, viaxando cara Ourense, me fixo ver unha estampa de Galicia composta por unha persoa coa súa vaquiña para pastar «¿E se unha persoa levase todas as vacas da aldea, canto non se gañaría en man de obra para outros mesteres?».
E contoume estoutro día que lle propuxo ó grupo de xubiletas que se xunta á porta da escola, algo semellante que, por novidoso, todos miraron con certo receo: «¿E se montamos nós unha gardería e nos repartimos o tempo de coidar ós netos?». Claro que, como tal fagan, ata pode vir o Estado e quitarlles as pensións por ter unha actividade laboral sen pagar o correspondente IRPF.