Tiña présa estoutro día por ler un artigo que me mandan vía e-mail no que se fala dun grupo de fotóns que viaxa a menos velocidade ca se fose un só, é como se cando van en compaña perdesen máis tempo en chácharas ca cando van sos; mentres na emisora que teño posta nalgún cornecho da casa, alguén está pregoando as marabillas da economía que xa conseguiu rebaixar o paro galego nun seis por cento, aínda que, coa lingua pequena, tamén recoñece ese comunicador que non se creou ningún emprego novo. E eu bendigo esas estatísticas nas que ata contan e suman as partidas de defunción para amosar como éxito a maior desgraza nacional.
Isto dos fotóns é algo que nos trae de cabeza desde que o mundo é mundo, pero o do comentarista radiofónico preocúpame no peto da billeteira, e por non sei que asociación de ideas faime lembrar como mentres distintos grupos de traballadores pelexan por manter os dereitos laborais ou melloralos paso a paso, outros paisanos, cansos de tantas trabas que lle poñen para poder vivir con dignidade, arman as maletas e buscan vida onde sexa, como nos mellores anos da década dos sesenta, cando un daqueles ministros de misa e comuñón diaria bendicía a emigración como unha patriótica maneira de recadar divisas. Agora os novos emigrantes só serven para dicir que o paro baixou.
E mentres trato de concentrarme no arrevesado problema fotónico, non sei quen anda por aí, bisbándome na orella aquelas cousas da transición, cando viñeron para Galicia empresas como Aluminios, que montaron unha fábrica e ata construíron un porto, ou cando Citroën lle deu un impulso a Vigo ata convertela na principal cidade galega. Pero daquela non nos decatábamos do secreto que todo aquilo encerraba, que aínda que eran empresas que ofrecían unha estabilidade laboral e salarial moi por encima da media, instalábanse aquí porque os salarios seguían sendo máis baixos ca no resto da Europa rica.
Pasaron os anos, e o euro, sen uniformar as nóminas, mellorou as condicións laborais de todos, ata o punto de que as empresas punteiras empezaron a botar contas e a pensar no caro que lles saía fabricar en Europa e miraron cara Asia, onde os traballadores se conformaban, na súa opinión, cunha cunca de arroz. Logo decatáronse de que fabricando fóra de Europa, os europeos non teñen traballo, e sen traballo non teñen salario, e sen salario non mercan nada, e se o primeiro mundo non merca de nada vale fabricar o que sexa por moi barato que sexa. Daquela, as grandes mentes da economía de mercado, que nada teñen que ver coa economía social, argallaron esa fórmula tan doada de entender, a de dar soldos de caridade en base a traballo precario, para que teñamos algo que gastar, sen condicións sociais e sen dereitos laborais nas rexións do sur de Europa, unha especie de
asiatización
da sociedade, con ofertas tan curiosas como negociar cos traballadores de Citroën a fabricación dun novo coche a cambio de que se baixen o soldo, que se siga traballando en Aluminios, se o Estado, que lle quita a calefacción a un de cada cinco fogares, lles rebaixa o prezo da tarifa eléctrica. Empobrecemento social a cambio da plusvalía obreira. E o caso máis curioso, referido á cidade da Coruña, onde o paro se reduciu en mil cen persoas pero a poboación inactiva (parados, xubilados e outras especies) aumentou en sete mil novecentas durante un ano.
Non sei que teñen estes números da economía que segundo quen os lea pode pensar que vive no paraíso terreal, onde non había que facer nada para telo todo ou no corazón das tebras, onde todos os habitantes non son máis ca aparellos ó servizo dun potentado. Vou seguir cos fotóns que son máis de fiar.